DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da Cátedra Almirante Ávarez-Ossorio

José Carro debuxa nun relatorio o panorama cirúrxico da Guerra da Independencia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 12/12/2008

O horror cirúrxico, pero tamén o humanitarismo que xorde nos contextos de guerra, guiaron o relatorio ofrecido polo presidente da Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía, José Carro Otero, ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio. Co obxectivo de contribuír “desde Galicia e para España” ao bicentenario da Guerra da Independencia (1808-1814), Carro cinguiu o seu discurso ás actuacións do Exército de Galicia, máis tarde coñecido como Exército da Esquerda, que interveu na contenda con intensidade nos seus primeiros anos.
O panorama que deixou o enfrontamento entre españois e franceses estivo caracterizado por unha “sanidade militar precaria”, dominada “pola dor ao cen por cento e as feridas infectadas”. Abonda con apuntar que a anestesia non comezou a aplicarse ata 1857. Como exemplo, Carro destacou as “duascentas amputacións” practicadas en 24 horas por Dominique Jean-Larrey, cirurxián das guerras napoleónicas, ou o feito de que moitos feridos morresen non tanto polas lesións sufridas como pola sede e a fame, condición que inspirará a creación da Cruz Vermella.
Case botando man dunha relación causa-efecto o presidente de Academia de Medicina e Cirurxía fixo un repaso polo tipo de armas e as feridas causadas. Baionetas, lanzas, pistolas, fusís ou canóns que daban como resultado feridas “infitinamente posibles” como sabradas na cabeza, peitos abertos ou extremidades voadas. Mención especial require o caso do xeneral británico John Moore que agonizou na Coruña logo de ser ferido por unha bala de canón que, como moi graficamente explicou Carro, " deixoulle o brazo pendente dun anaco de carne”.
Os medios para atender tales feridas eran escasos. A evacuación máis socorrida era a realizada por catro homes cunha manta e un par de enfermeiros e unha caixa de urxencias portátil por todo o material sanitario en primeira liña de batalla. Ante tanto desastre non é de estrañar que os profesionais da medicina fosen figuras destacadas. Este aspecto queda confirmado coas fontes que presentou Carro e que consideraban a José Manuel Lozcano, cirurxián maior do Exército de Galicia que é citado como “membro da plana maior do exército”.
Carro tamén salpicou a súa intervención con exemplos do humanitarismo que agroma neste tipo de situacións e así recordou o caso do párroco do Carballiño, que ocultou e levou cara as súa liñas a un dragón francés ao mesmo tempo que o exército galo queimaba a súa casa parroquial. Cando se decataron da nefasta resposta ante a boa acción do cura, realizouse unha colecta popular no campo e recolléronse 150 luíses para recompensar os danos causados. Tamén resulta entrañable a intervención dos cirurxiáns ourensáns que, nun exemplo de “boa praxis”, coidaron 136 soldados do Xeneral Marchant.

Os inimitables galegos

Os 1200 estudantes e profesores da Universidade de Santiago que en 1808 se reuniron para formar o Batallón Literario de Santiago tamén foron obxecto de loa de José Carro e serviron para ilustrar a crueza da guerra xa que, apenas un ano despois da súa constitución, só quedaban uns 100 integrantes. Como mostra da súa pericia, Carro recordou a frase que lles dedicou Lord Wellington: “dedicádevos a imitar os inimitables galegos”.

O futuro da sanidade militar

Facendo honra á cadeira de brazos de Historia da Medicina que ocupa na Real Academia, Carro conseguiu meter ao auditorio no marco da Guerra da Independencia pero tamén expresou as súas consideracións respecto da actualidade da sanidade militar da que afirmou que é “preocupante a redución do número de efectivos”. Sen embargo, tamén afirmou que os militares españois despregados no exterior teñen “o mellor sistema de atención posible tecnoloxicamente e unha moi eficaz rede de telemedicina”.