DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira conferencia da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio no 2010

José I. Carro Otero revisa as rutas marítimas de peregrinación de Islandia a Turquía

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 27/01/2010

De Islandia a Turquía, desde o punto máis setentrional ata o máis oriental, José Ignacio Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, realizou este martes un percorrido histórico polas principais rutas marítimas europeas de peregrinación a Compostela, nunha conferencia enmarcada nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio. Entre as conclusións do seu relatorio, titulado Rutas marítimas de peregrinación ao sepulcro do Apóstolo Santiago, Carro Otero destacou que a peregrinación marítima sempre estivo combinada con algúns tramos terrestres, que sempre estivo ligada ás rutas comerciais e que o porto de arribada en Galicia máis prestixioso e concorrido foi sempre o da Coruña. Aínda que, segundo indicou o doutor, esta modalidade de peregrinación está amplamente documentada dende o século XII, é imposible o trazado de percorridos fixos, pois estiveron supeditados ás imprevisións meteorolóxicas. “Os camiños desaparecen conforme se esvaecen as estelas que deixan os barcos”, exclamou.
O encargado de presentar ao relator foi o director da cátedra, José Gabriel Martínez Ratero, quen logo de ler o extenso currículo de Carro Otero, salientou o seu “amplo coñecemento da historia de Galicia e do culto ao Apóstolo, que o levou a participar en numerosas actividades nos últimos anos santos e a organizar congresos especializados a nivel internacional”. Asistiron tamén ao acto Iván Area, o vicerreitor de Relacións Internacionais, Marcial Gamboa Pérez Pardo, comandante-director da Escola Naval Militar de Marín, e Antonio Gómez Rivera, subdirector xeral e director de Relacións Institucionais de Caixanova.

As rutas de peregrinación marítima atlánticas e mediterráneas

No comezo do seu relatorio José Ignacio Carro aludiu á necesidade de revisar o concepto do Camiño cara a unha acepción máis “ampla e funcional”. “A rede viaria normal adquire o carácter de ruta de peregrinación cando quen a percorre o fai con esa vocación”, dixo, polo que explicou que entende o Camiño como “a rede viaria de Europa con diferentes puntos de orixe, que conclúen nunha única meta, o sepulcro do Apóstolo”, na que tamén están incluídas as rutas marítimas.
Ao longo da súa charla Carro Otero salientou os principais países de orixe dos peregrinos chegados por mar a Santiago, tanto da franxa costeira europea atlántica como mediterránea, rastrexados en referencias documentais históricas desde o século XII. Salientou como o principal punto emisor de peregrinos situado máis ao norte a Islandia, do que a primeira fonte data de 1213. No caso de Noruega aludiu a grandes expedicións rexias que incluíron Galicia na súa ruta para visitar a tumba do Apóstolo, que mesmo reuniron máis de 300 navíos e das que quedaron rexistrados naufraxios. Deseguido aludiu á viaxe de Santa Brígida de Suecia co seu séquito, para explicar como se combinaban as tramos marítimos e terrestres e como se comezaron a introducir visitas a santuarios secundarios, pois foron uns dos primeiros en realizar a ruta do Ebro parando en Zaragoza para visitar a basílica do Pilar.
Aludiu tamén á importancia da coñecida como Liga Hanseática, unha federación de cidades comerciais do norte de Alemaña, que comezaron a mesturar nos seus barcos carga e pasaxeiros. Testemuño da orixe de peregrinacións marítimas en Dinamarca son, segundo Carro Otero, a aparición de vieiras, mesmo de prata, en numerosos xacementos arqueolóxicos, pois as cunchas sempre se compraban ao retorno, como certificación de ter estado en Compostela.
Entre os países máis próximos da franxa atlántica, o doutor afirmou que tamén hai constancia ao longo da historia de numerosas expedicións saídas de Francia e Gran Bretaña ou mesmo, aínda que de xeito máis minoritario debido á súa accesibilidade terrestre, de Portugal. En relación á franxa mediterránea relatou varios casos procedentes de Italia, destacou o risco que supoñía exporse á forte presenza de piratas e citou como a viaxe máis longa dunha peregrinación a realizada por un bispo turco no ano 1409, que non regresou á súa terra ata sete anos despois.