DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Achega, xunto co xefe de estudos da Escola Naval, José Mª Núñez, os trazos do Grao de Enxeñaría Mecá

José Mª Pousada, director do CUD: "Con este título poden exercer na sociedade civil como calquera graduado"

80 estudantes abrirán o primeiro curso desta nova titulación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 01/06/2010

O Centro Universitario da Defensa (CUD) afronta o vindeiro curso o reto de adaptar os estudos da Escola Naval Militar de Marín ao Espazo Europeo de Educación Superior. Un total de 80 persoas comezarán o novo Grao de Enxeñaría Mecánica, polo que ao remate dos estudos terán dous títulos, o de oficiais da Armada e un universitario que os capacita tamén para exercer na sociedade civil no caso de pedir a baixa na vida militar. José María Pousada, director do CUD, e José María Núñez, xefe de estudos da Escola Naval Militar, achegan nesta entrevista as especificidades desta titulación e deste centro, que malia estar adscrito á Universidade de Vigo, ten un sistema de acceso ao grao diferente, unha duración dos estudos maior, unha especialidade de seu e mesmo un calendario escolar propio.

Cales son as especificidades deste grao en canto ao programa curricular?
José María Pousada (JMP): É igual que o que se vai impartir na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, agás na especialidade. Na definición do título a Universidade estableceu cinco intensificacións, o que antes se chamaban especialidades, con bloques de materias diferenciadas que lle permiten ao alumnado escoller un itinerario no último curso. Delas catro son para os estudantes de Vigo e para aquí hai unha propia.

Cal é esa intensificación?
JMP: Chámase intensificación Naval e contén materias de especialización dos alumnos que lle interesan á Armada. Como os nosos alumnos van a estar en barcos as materias que se decidiron están orientadas ás necesidades e aos coñecementos que terán que utilizar o día de mañá.
José María Núñez (JMN): Son en total 240 créditos, con materias exactamente iguais, agás as dos 42 créditos específicos.
JMP: Só son 7 materias as diferentes.

A duración do grao tamén é a mesma?
JMP: Os 240 créditos corresponden a catro anos. O que ocorre é que, como os nosos alumnos están na Escola Naval cinco, repartimos tamén eses créditos en cinco anos.
JMN: Aí intercalamos a nosa actividade, pois no cuarto curso os alumnos embarcan no buque escola Juan Sebastián Elcano e nese período só cursan parte do plan de estudos militar. Ese ano estudan menos materias do grao e máis militares. En quinto pasa algo semellante. Redúcese a carga do grao porque fan tamén prácticas en barcos da flota ou en unidades de infantería mariña.
JMP: Mestúrase a carga das materias militares e das de grao para cursalas todas en cinco anos. Optouse por isto en vez de deixar o grao en catro e intensificar a parte militar no quinto curso.

Unha vez obtida a titulación, aqueles que non queiran seguir a carreira militar poderán exercer na sociedade civil?
JMP: Co título de grao, sigan ou non na vida militar, poden exercer na sociedade civil como calquera graduado das escolas de Enxeñaría Industrial, outra cousa é que iso sexa compatible co seu traballo. Aquí a xente xa sae empregada na Armada, polo que se entende que en principio van continuar.
JMN: O título non ten diferenza cos outros da Universidade de Vigo. Está asinado polo reitor e é a mesma carreira.

Poderían tamén cambiarse directamente á Universidade na metade da formación?
JMP: Si, se o alumno considera que a vida militar non é o seu e solicita a baixa, o que ten que facer é un traslado de expediente, como se fai dunha universidade a outra. Elabórase un certificado de estudos coas materias aprobadas da parte universitaria e con el xa pode ir a Vigo, a Madrid ou a onde queira para seguir estudando.
JMN: Ao ser un centro adscrito á Universidade de Vigo neste senso funciona igual que calquera outro centro universitario.
JMP: De feito, se deciden continuar noutro centro de Vigo xa nin é preciso facer unha convalidación, porque as materias son as mesmas, agás as da intensificación, que terían que cursar as propias da escola de Vigo. É automático e matricularíanse só do que lles falte. Se van a outra universidade, terían que ver se o seu plan de estudos é convalidable coas materias de aquí, porque entre universidades non son necesariamente iguais.

Como é a forma de acceso á escola e ao CUD?
JMN: O acceso faise mediante un concurso-oposición. Na fase de concurso valórase a nota de selectividade e tamén se ten en conta o coeficiente das materias de Matemáticas e Física. Pode sumar tamén algún punto ter algunha experiencia militar previa. A de oposición consta de catro probas: unha médica, unha psicotécnica, unha física e outra de inglés. Unha vez que os aspirantes son aptos nesas catro cousas o corte vaino a dar a nota de selectividade cos coeficientes desas dúas materias.

Ao remate dos estudos saen tamén co título de oficiais. Vai estar ligado o ascenso na carreira militar á continuación de estudos universitarios como avanzou o director xeral de Recrutamento e Ensino Militar, Javier García, a principios de curso?
JMN: Tanto na Armada como nos outros exércitos a formación é continua. Cando rematan aquí van ás unidades e aos barcos e comezan o que se chama o ensino de perfeccionamento para especializarse. Así mesmo, o CUD ofrecerá no futuro un mestrado e un doutoramento.
JMP: A nova Lei da Carreira Militar establece que para optar a capitán de fragata ou tenente coronel hai que ter cursado un mestrado, independentemente doutra formación que poidan recibir. Creo que a pregunta ía por aí.

Exactamente.
JMN: Si, pero non vai servir calquera mestrado, terán que ser os que se determinen e iso non está aínda definido.
JMP: Vaise regular que tipo de mestrados serán necesarios e algúns deles poderanse cursar onde os haxa. Razoablemente en centros universitarios como este, o de Zaragoza ou o de San Javier daranse algúns dos que serán válidos para poder ascender, pero quería remarcar que non necesariamente o teñen que facer aquí.

Con esta adaptación ao EEES e á nova Lei da Carreira Militar, búscase tamén unha maior mobilidade dos cadetes?
JMN: Ese é un dos obxectivos de Boloña e un dos nosos obxectivos. Xa temos en marcha o que se chama Erasmus Militar e xa estamos estudando posibles intercambios con academias que xa teñan instaurado Boloña. De feito, o comandante director da escola vén de reunirse en Alemaña cos demais directores de academias nun encontro titulado Boloña, riscos e oportunidades. Falouse da mobilidade non só de alumnos, senón tamén de profesores.

Falando de profesores, o equipo docente do grao é civil?
JMP: Si, cen por cen.

Procede da Universidade de Vigo?
JMP: Non, son profesores do CUD. Que sexa un centro adscrito quere dicir ten un acordo de colaboración. É unha institución pública que precisa formar titulados universitarios moi concretos, para o que precisa estar baixo o paraugas da Universidade, que é quen vai supervisar que se apliquen os mesmos criterios de calidade docente en canto ao tamaño dos grupos, número de profesores por alumnos, dotación dos laboratorios, etc. A Universidade non se mete é na xestión do centro, igual que sucede coas escolas de Enfermería. Neste caso depende do Ministerio de Defensa, que é quen lle paga aos profesores. Establécese un mecanismo legal para que o centro poida contratar profesorado a través de concursos. Se algún profesor da Universidade de Vigo quere vir aquí terá que pasar por eses concursos.
JMN: O único que o reitor ten que dar é a venia docente.
JMP: Efectivamente, o reitorado terá que verificar se o equipo docente está capacitado, pero os profesores son do centro, non da universidade.

O calendario escolar tamén é diferentes doutros centros. É unha variación mínima?
JMP: É mínima, pero relevante. Aquí teñen que cursar as materias universitarias e as militares e por iso é máis longo. Necesitamos certo grao de liberdade para comezar un pouco antes e rematar un pouco despois. En total son 41 semanas, mentres que o universitario é da orde de 35.
JMN: Ademais hai que intercalar prácticas de embarque, prácticas de campo para os infantes de mariña, o que detén a actividade académica un tempo.
JMP: Realmente as prácticas coinciden con esas seis semanas de máis. Así que, en setembro comezamos.