DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ex-ministro e embaixador de España ante a Unesco ofreceu un relatorio na FCEE

José Manuel Rodríguez Uribes: “A cultura debe ser entendida como un dereito, como unha industria e como un valor”

No marco do Seminario de desenvolvemento local e comunitario da Fundación Isla Couto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Visitas
  • Académica
M. Del Río DUVI 13/12/2022

A cultura como un dereito; a cultura como unha industria e a cultura como un valor. Sobre estas tres facetas da cultura reflexionou este martes no campus de Vigo o ex-ministro de Cultura e embaixador de España ante a Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes. A súa intervención serviu para abrir as actividades do Seminario de desenvolvemento local e comunitario da Fundación Isla Couto, que desenvolverá actividades ao longo de todo o curso na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Rodríguez Uribes, que foi presentado pola decana do centro, Dolores Garza, centrouse nos desafíos globais e locais da cultura e as achegas da Unesco neste contexto. 

Profesor titular de Filosofía do Dereito na Universidad Carlos III de Madrid e especialista en Dereitos Humanos, Rodríguez Uribes foi ministro de Cultura e Deporte (2020-2021) e director xeral de Apoio ás Vítimas do Terrorismo (2006-2011). Na súa intervención recalcou que a cultura debe “pensarse en tres sentidos”. Por unha banda, debe ser entendida como un dereito, “un dereito tanto da cidadanía, á que se lle debe garantir o acceso á mesma, e como un dereito das e dos creadores, un eido moi relacionado cos dereitos de autor, a propiedade intelectual e os dereitos laborais”.

Por outra banda, a cultura tamén pode ser entendida como unha industria e, como apuntaba o ex-ministro, “falar das industriais culturais é falar do cine, a literatura, a danza, as artes escénicas, a música, a arte, etc.”, sectores que representan “arredor do 4% do PIB”, unha porcentaxe que supera o 5% se se suman os dereitos de autor. Insistía neste aspecto, porque a cultura “non é só un dereito dos cidadáns e dos artistas, senón que nas sociedades contemporáneas forma parte da actividade económica, crea emprego, crea riqueza e, polo tanto, ten un valor económico”.

A terceira visión é a cultura como un valor, “que ten que ver coa propia condición humana, porque como dicían os clásicos do Renacemento, o ser humano é o único animal capaz de crear beleza a través da literatura ou a pintura, etc.” E é que “crear beleza e expresar sentimentos ten que ver con esa idea da dignidade humana, é un valor cunha dobre proxección: a universal e humanista, con independencia da orixe, raza, etc. e que atinxe á defensa a conservación dos valores identitarios dos pobos, como a lingua, as tradicións ou o patrimonio”. 

Polo tanto, destacaba, “a cultura é un dereito, unha industria e un valor e, como tal, está situada como un dos dereitos humanos”. Neste sentido, lembrou que a Unesco se creou para “promover a paz a través da cooperación en materia de educación, cultura e ciencia; pero a paz non como ausencia de guerra, senón unha paz xusta, con valores, con contidos e con dereitos”.

Os desafíos: o cambio climático, a guerra e o acceso á cultura

Na súa intervención, Rodríguez Uribes tamén abordou os principais desafíos aos que se enfronta a cultura. Primeiramente, referiuse ao cambio climático, unha ameaza crecente a pesar “do traballo concienciudo, sistemático, local e global para defender a cultura, o patrimonio e o medio ambiente”. Outro dos desafíos actuais é a guerra, “cando non pensabamos que tras a IIGM volveríamos a ver unha guerra en Europa” e o terceiro, “menos tremendo, pero moi importante, está relacionado co feito de que a cultura é un dereito e un deber”. Neste eido, recalcou, cómpre garantir o acceso á cultura, fronte a barreiras como a fenda dixital, tanto referida ás persoas de certa idade como a determinados territorios, e cómpre avanzar na creación “dunha carta de dereitos e deberes dos creadores que os dignifique na súa enorme contribución, non só como valor social compartido, senón tamén como industria xeradora de riqueza e emprego”. 

España na Unesco

A Unesco conta con seis grandes programas no eido cultural e ambiental e sobre eles Rodríguez Uribes achegou algúns datos referidos a España. Por exemplo, é o terceiro país do mundo en recoñecementos de patrimonio mundial, despois de Italia e China e empatada con Francia. Conta cun total de 49, entre as que están o casco vello de Santiago, os camiños de Santiago, a muralla de Lugo e a Torre de Hércules. O embaixador tamén se referiu ao patrimonio inmaterial, un eido no que España é quinta no mundo; ás cidades patrimonio, unha listaxe na que hai 15 localidades españolas ou ás cidades creativas, con dez españolas. O ex-ministro tamén resaltou que “somos o segundo país do mundo en relación aos xeoparques”, o último deles recoñecido a semana pasada: Cabo Ortegal e “somos o primeiro país do mundo en reservas da biosfera, con 52”, como as Terras do Mino ou o Xurés”.