DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Doutor Honoris Causa aposta pola investigación aplicada para xerar emprego

José Manuel Silva: “A I+D vai ser a gran canalizadora da modernidade no mundo agrícola”

Emocionado, declarou o seu amor por Galicia, “o chan é o máis valioso que nunca topei”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/01/2012

A terra, en sentido literal e figurado, vertebrou o discurso de investidura de José Manuel Silva como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Unha honra esta que agradeceu á que é xa a súa casa, unha universidade “galega, dinámica e con grandes retos de futuro nos que espero participar”. E é que o amor a Galicia, aínda dende o seu destino profesional en Bruxelas como director xeral de Agricultura da Unión Europea, marcou toda a súa carreira. Agora, con este nomeamento “espero facer máis forte o meu compromiso coa miña terra”, explicaba Silva.

A terra como fonte de riqueza e desenvolvemento e a terra como sentimento, conforman un binomio indisoluble para o director xeral da UE que, emocionado, recoñecía que “este chan é o máis valioso que nunca topei”. Precisamente polo chan, pola terra, traballou sempre Silva, sendo a primeira persoa nomeada dúas veces para o mesmo cargo, director xeral de Agricultura en Bruxelas. Entre tanto traballou como noutra Dirección Xeral, a de Investigación, onde foron determinantes as súas achegas ao 7º Programa Marco e, posteriormente á Estratexia 20-20 para a Investigación, o plan que o sucede.

Na Dirección Xeral de Agricultura conxugou ambas competencias, a investigación e a agricultura. Dende esa visión privilexiada, Silva aposta por mesturalas e prognostica que “a I+D vai ser a gran canalizadora da modernidade do mundo agrícola e rural”. O novo Honoris Causa destacou que a Estratexia 20-20 outorga especial importancia á investigación no mundo agrario e lembrou que o presuposto agrario foi multiplicado por 2,5 en época de crise. Referiuse tamén ao papel destacado da Política Agraria Común no seu medio século de existencia “por moi contestada que sexa”, pero puntualizou que neste século XXI aparecen novos retos que requiren novas solucións e todas elas pasan pola I+D+i.

Un mundo agrario en profundo desequilibrio

Durante séculos o mundo agrario conservou un complexo equilibrio entre a produción de comida, alimentos para animais, fibras como lá ou madeira e combustibles. Pero neste comezo do século XXI ese equilibrio está en serio risco, cunha poboación mundial en constante crecemento, o aumento do PIB, a presión do fuel e profundos cambios nos hábitos alimenticios.

Estas tensións requiren de novas medidas e novas maneiras de entender a política agraria que, en opinión de José Manuel Silva, pasan sempre pola ciencia a investigación, “por aumentar o coñecemento do sector agrario, por transferir e innovar e, consecuentemente, crear emprego”. Silva recoñeceu que nos últimos anos se investiu pouco en investigación agrícola en comparación con outros eidos e “temos que recuperar o tempo perdido”. Para iso, pasouse dos 1700 millóns de euros que destinaba o 7º Programa Marco á I+D do agro, aos 4500 que recolle o próximo programa.

Pero este aumento precisa tamén unha mellorar da xestión, son necesarios novos mecanismos áxiles e rápidos que faciliten a transferencia do coñecemento ao campo produtivo. “Temos nas perspectivas financeiras 450.000 millóns de euros para investir en agricultura e queremos que estas inversións se fagan baseadas en coñecemento e innovación, porque senón acabaremos con 800.000 casas de turismo rural”. Por iso, 1800 millóns de euros estarán dedicados a investigación aplicada.

Os retos do medio rural

Esta aposta da UE pola investigación agraria ten catro retos claros para o futuro, tal e como explicou Silva. Por unha banda, a seguridade alimentaria, referida tanto á calidade como á diversidade e á saúde animal. Por outra, o uso eficiente e a conservación dos recursos naturais cun obxectivo claro, “producir máis e mellor pero sen degradar o planeta”. Neste sentido, avogou por non poñer barreiras á ciencia, sobre todo no referido á biotecnoloxía e ao deseño de biocarburantes. En terceiro lugar, a I+D ten por diante o reto de adaptar a agricultura ao cambio climático e finalmente, debe apostar pola transferencia, pola investigación aplicada que dea resposta ás necesidades do sector.

Finalmente, o novo director xeral amosouse optimista de cara ao futuro e puxo a súa vista no 2014, cando entre en vigor a Estratexia 20-20. Visiblemente emocionado expresou o seu desexo de ver unha Galicia mellor, máis solidaria e máis nosa”.