DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O relatorio terá lugar este mércores día 4 ás 19.00 horas no Edificio de Ferro

José Manuel Vez presenta a diversidade de linguas e culturas como o medio para lograr a cohesión social

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 04/03/2009
Debido ao fenómeno da globalización mundial, Europa e España atópanse inmersas na percepción de que é preciso contar cunha lingua franca única, unha lingua vehicular, que nos permita achegarnos a outras culturas pero que, dende logo, non favorece nin a cohesión social nin a interculturalidade. Co obxecto de afondar nesta situación e ofrecer novos puntos de vista, o Edificio de Ferro acolle este mércores día 4 ás 19.00 horas no salón de graos o relatorio de José Manuel Vez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que falará do Ensino de linguas para a cohesión social.
O obxectivo da súa conferencia é contrarrestar a idea da necesidade dunha lingua franca única mediante “unha forte insistencia na idea da diversidade lingüística e a interculturalidade como fontes de auténtica cohesión social na dimensión europea”, explicou Vez. Tamén afondará nas primeiras políticas lingüísticas realizadas neste senso en Europa e do globish, que “non é mais que o efecto da globalización mundial nunha forma de comunicarnos, o inglés global ou global english”.
Esta situación é preciso analizala á luz da necesaria cohesión social entre os estados membros da Unión Europea, porque “a Europa da moeda única non pode ser a Europa da lingua franca única, as linguas e culturas deben desenvolverse na súa enorme riqueza de diversidade, xa que esta tamén axuda a cohesionar socialmente á cidadanía”.

Linguas vehiculares e vinculares

Durante a segunda metade do século XX e, en certa medida, no que vai do presente, as linguas foron obxecto dun tratamento excesivamente academicista, tanto as vinculares que “establecen unha ponte de unión identitaria coa sociedade e os demais individuos da nosa mesma cultura”, como as linguas vehiculares que nos “serven de lingua franca para traspasar os límites da nosa identidade e adentrarnos noutras culturas por medio dunha comunicación que nos axude a compartir o que pensamos e queremos transmitir”, precisou Vez. No primeiro caso estarían a lingua galega e española e no segundo as denominadas linguas estranxeiras. O equilibrio entre linguas vinculares e vehiculares non se sempre tivo lugar da forma desexable para unha convivencia e cohesión social democrática, “a estima social das linguas máis poderosas no mundo repercutiu negativamente na estimas das linguas menos poderosas en termos sociais, culturais e incluso económicos”. Así pois, todo o mundo aposta polo inglés como lingua vehicular, de xeito que construímos en pouco tempo “unha Europa de Estados bilingües, a lingua ou linguas oficiais do Estado máis o inglés”.

Políticas lingüísticas en Europa

As políticas europeas xogaron un papel decisivo na organización das linguas dende a perspectiva da súa contribución na construción dunha cidadanía democrática e dunha mellor cohesión social. Estamos avanzando na consecución de tres factores clave dunha sociedade europea do coñecemento e da cultura “potenciar a educación intercultural, consolidar e transformar a relación entre as linguas vehiculares e vinculares nun marco plurilingüe e reforzar, grazas ao respecto á diferencia e ao fomento da convivencia, a cohesión social”.
No ano 2001, con motivo da instauración do Ano Europeo das Linguas saíu á luz un documento que está a cambiar o mundo do ensino, o aprendizaxe e a avaliación de todas as linguas, “o Marco Común Europeo de Referencia, traducido a case 40 linguas, entre elas o galego”. Esta acción complétase cos estudos desenvoltos dende a División de Políticas Lingüísticas do Consello de Europa e do Centro Europeo de Linguas Modernas, dos que destacan dúas achegas; o documento Perfiles de políticas lingüísticas educativas que “abre as portas ao establecemento de políticas propias nos sistemas educativos dos Estados” e, por outra banda, a guía elaborada por Beacco e Byram, “orientada a harmonizar a educación lingüística no complexo escenario da diversidade lingüística e cultural europea dende variables sociopolíticas e educativas”.
Tampouco se poden esquecer outros documentos para o mundo do traballo das linguas e a cultura nas aulas como son o Portafolio Europeo de las Lenguas e a Autobiografía de Encuentros Interculturales.

A situación en España

Os tempos que corren no mundo das linguas e as súas culturas esixen “o abandono dos simplismos cos que nos movemos en décadas pasadas”. A realidade actual demanda “unha complexidade intelectual que sexa quen de dar conta da realidade que supón a dimensión do multilingüísmo e da interculturalidade”.
Atopámonos nunha “situación de tránsito interparadigmático, saímos dunha cultura de Estado pechada en si mesma e queremos entrar a formar parte do experimento lingüístico e cultural europeo”. Pero isto non pode facerse sen consecuencias e require que actualicemos os nosos esquemas de comprensión, “a ecuación cultura=varias linguas parece ser a clave do novo deseño cultural”.