DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu un relatorio do director xeral de Funciva

José María Román: “O estado das autonomías ten sido moi útil, pero nestes momentos está en crise”

Expuxo as liñas xerais e as conclusións dunha posible discusión federativa no estado español

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
B. Vega DUVI 27/11/2013

“Unha reforma federal dalgunha maneira debería pechar este panorama aberto e inestable no que estamos a vivir”, afirmaba José María Román, director xeral da Fundación Ciudadanía y Valores, este mércores pola mañá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “O estado das autonomías ten sido moi útil, pero nestes momentos está en crise” engadía apuntando a que “as súas disfuncións orixinais teñen xerado tensións territoriais, económicas e sociais con difícil solución”. Desta situación de partida é de onde nace a iniciativa de Funciva (Fundación Ciudadanía y Valores)que sostén que a solución pasa polo cambio a un sistema federal. Román explicou esta liña de pensamento na súa conferencia Cinco propostas para a reforma constitucional en clave federal, organizada pola Área de Xornalismo e na que tamén participaron Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e Aurora García, profesora titular do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación. O ponente centrou a súa conferencia en transitir aos asistentes que “caben saídas políticas a esta situación de grandes tensións” pero que “non basta con deixar que os problemas avancen e se deterioren por si mesmos” senón que “require de liderado político, algo do que hoxe estamos carentes, e de acordos entre as grandes formacións”.

Segundo Román estamos vivindo unha situación de disenso que provoca que unha proposta por parte dun grupo reciba o rexeitamento do outro e á inversa, unha situación na que “lamentablemente a política pasa por enriba do interés xeral” e que fai “evidentemente difícil” poder acadar unha reforma deste tipo. Sen embargo afirmou que, a pesar da dificultade da súa implantación a curto prazo, da “falta de propostas alternativas positivas” e de “diálogo concreto” se a situación territorial se complicara “a urxencia pode chegar a facilitar que se chegue ao consenso, aínda que sexa por emerxencia”.

Cinco chaves para a constitucionalización do sistema federal

As propostas, recollidas inicialmente no informe Dez propostas para a racionalización do estado autonómico, recollen as diferentes áreas de modificación constitucional que se deberían abordar, comezando pola máis complicada: a redución do actual número de autonomías a dez estados membros e simplificando así o mapa territorial. A segunda trata o reparto de competencias, optimizando os servizos e evitando as actuais duplicidades.

A terceira liña de acción organizaría o sistema de financiación, sentando as súas bases nos principios de solidariedade e ordinalidade, o cal acabaría coa permanente negociación orzamentaria actual. Por último, a cuarta e quinta establecerían as reformas para constitucionalizar os órganos de cooperación e integración política dos estados necesarios e o marco federal para as relacións de España coa Unión Europea.