DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Paz conserva a mellor biblioteca dedicada a Tagore con máis de 30.000 libros en todos os idiomas

Responsables da Universidade india Visva Bharati propuxéronlle trasladar alí a colección

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 01/07/2010

Foi un 19 de marzo do ano 1966 cando Ana, que daquela era a súa moza, lle regalou un libro de Rabindranath Tagore titulado Gora cunha dedicatoria que dicía “Con todo o amor que sinto”. Daquela José Paz era mestre de Primaria e sentiu curiosidade por saber máis cousas daquel bengalí que cultivaba con éxito distintas ramas da cultura como a poesía, a filosofía, a dramaturxia, a música e a literatura. “O meu interese aumentou cando souben que ademais de todo iso era educador e que, a pesares de ter ido moi pouco á escola –formouse na súa casa con profesores que lle impartían clases de todas as materias- fundou un centro que chegou a ser un referente na formación dos nenos e nenas”, declara. Foi o comezo do que el define como “unha auténtica paixón” pola vida e a obra deste autor que o levou por distintas partes do mundo na procura do seu legado.

Na actualidade José Paz é profesor de Didáctica na Facultade de Ciencias da Educación e posúe “a mellor biblioteca do mundo dedicada a Tagore”, segundo as súas palabras porque, como explica, “nela teño libros de todos os idiomas”.

O profesor Paz cifra en 30.000 o número de volumes que agocha e subliña como especialmente valiosos a primeira edición en moitos idiomas do titulado Gitanjali (1913), “un libro especialmente significativo para os bengalís porque consideran que a súa escrita foi a que o fixo merecedor do Premio Nobel de Literatura no ano 1913”, afirma. Outras obras sinaladas por José Paz da súa colección son O xardineiro “por ser unha publicación que influíu en poetas españois e latinoamericanos como Avilés de Taramancos ou Neruda” e A lúa nova, “unha obra especialmente emotiva por conter os poemas que escribiu cando lle morreron a súa muller e os seus fillos”, declara.

Oferta dunha universidade india para trasladar alí a biblioteca

Conta o profesor Paz que no ano 1863 o pai de Tagore, Devendronath Tagore, comprou unha finca en Santiniketan, en Bengala Occidental, para meditar. Uns anos despois, no 1901, Tagore puxo en funcionamento neste lugar unha escola experimental que actuou como un auténtico imán para grupos internacionais de estudantes, artistas, lingüistas e músicos. Pois ben aquela escola é hoxe unha universidade chamada Visva Bharati na que estudan máis de 6000 alumnos e alumnas de distintos niveis educativos.

Nilanjan Banerjee, responsable do museo, biblioteca e arquivo que o centro indio posúe dedicados integramente a Tagore visitou a biblioteca de José Paz para ver de preto a súa colección de libros sobre o escritor bengalí e quedou “asombrado” da cantidade e da calidade de publicacións do autor que conserva. Con todo o principal obxectivo da visita de Banerjee a Ourense foi o de proporlle ao profesor Paz o traslado da biblioteca á Universidade Visva-Bharati cunha oferta que Paz cualifica de “magnífica”. Segundo explica, “a súa proposta inclúe nomearme doutor Honoris Causa, responsabilizarme da revista creada por Tagore así como do Centro de Estudos Históricos e Lusófonos e daríanme unha casa no campus para min e a miña familia”, afirma.

Banerjee visitou Ourense acompañado polo mozo indio Totankundu, que fixo as veces de tradutor e subliñou o “enorme interese” da institución educativa india por agochar a biblioteca “porque Tagore é un autor moi importante para todo o noso país pero moi especialmente para Bengala”. O funcionario indio destacou das obras que posúe o profesor Paz “o feito de que conserva libros deste autor en todos os idiomas europeos, algo moi difícil de atopar”.

Un lugar en Ourense para a colección

Con todo José Paz confesa que a súa verdadeira ilusión sería que a biblioteca quedara en Ourense, “na miña cidade”, pero lamenta a falta de resposta das institucións locais. O profesor é consciente de posuír unha colección moi valiosa pero matiza que non quere cartos por ela “pero si que se cumpran unha serie de condicións como o establecemento dun Centro Tagore en Ourense coordinado con todos os centros do mundo e un centro de intercambio de estudantes en Santiniketan”.

Este protocolo de propostas tamén llas propuxo aos responsables da Cidade da Cultura, situada no Monte Gaiás, “sen obter ningunha resposta”. Polo de agora e segundo explica, “a única proposta seria que teño e os únicos que están a amosar un verdadeiro interese pola miña colección son os responsables da Universidade Visva Bharati polo que estudarei a viabilidade de levar adiante esta opción”, declara.