DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Luis Legido sucédeo como director do Departamento de Física Aplicada

José Peleteiro di adeus a 39 anos de vida universitaria

Xubílase tras estar 5 anos ao fronte do departamento cunha xestión “innovadora, sensata, discreta e

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 22/07/2011

Tocoulle ser a cara visible nun dos momentos máis convulsos, pero conseguiu afrontar “todas as situacións comprometidas con decisión”, aportando moito do seu carácter tranquilo e sosegado. O profesor José Peleteiro xubílase tras 39 anos de vida universitaria como docente e de cinco como director do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, no que conseguiu exercer unha xestión “impecable, sensata, discreta e eficaz”, como recordaron os compañeiros que este venres lle renderon unha emotiva homenaxe de despedida. “Todo ten data de caducidade e aínda que podía seguir un pouco máis tomei a decisión de irme xa, a pesar da nostalxia que me causa deixar a docencia. Grazas por facerme tan fácil ser director do Departamento estes cinco anos nos que me sentín cómodo, arroupado e nos que non tiven problemas con ninguén”, subliñou Peleteiro tras abrir o agasallo de Sargadelos que lle fixeron os seus colegas e amigos.

Aínda que a data oficial de xubilación do profesor será o vindeiro 31 de agosto, hoxe mesmo José Peleteiro deixa o seu cargo de facto coa saída da dirección do Departamento de Física Aplicada tras desenvolver unha “xestión innovadora” con novas accións como cursos de coatching para potenciar as habilidades de docentes e investigadores e para facer que o traballo en equipo fora o máis eficaz posible. Recolle o testemuño o profesor José Luis Legido, quen se pon ao cargo tras unhas votacións nas que acadou un apoio absoluto, co 96% das papeletas.

Honesto, capacitado, próximo e abandeirado do bo facer, neste lustro foi capaz de “chegar a acordos dentro dun grupo de grupos cun marcado carácter e moi competitivos”, recordou José Luis Fernández. Un carácter conciliador que lle levou “a solucionar tan rápido os problemas que case non me decataba de que os había. Por iso, porque es o meu campión e o de moita xente, propoño que te declaren Patrimonio da Humanidade”, bromeu o profesor Daniele Tommasini. Recordado con agarimo polos seus alumnos e compañeiros, que quixeron estar presentes incluso dende a distancia enviando mensaxes e correos electrónicos cheos de felicitacións, agora Peleteiro “pasa á reserva, aínda que se o chaman de novo, que tal como están as cousas non é para descartar, recibirémolo cos brazos abertos”, salientou Fernández.

Catro décadas vencellado á Física Aplicada

Afeccionado á pesca e fundador da Sociedade Micolóxica de Ourense, Peleteiro comezou a súa andaina no mundo académico licenciándose e doutorándose en Química na Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 1972 e 1976. Tras unha breve carreira como catedrático de instituto, o profesor pasou a formar parte da Universidade de Vigo e “sen esquivar cargos complicados, porque nada máis chegar tocoulle ser presidente da CIUG nun momento no que todo funcionaba mal”, desvelou Luis Romaní durante a súa intervención.

Membro da Real Sociedad Española de Física e do grupo Especializado de Termodinámica, o xa ex director do Departamento de Física Aplicada centrou a súa carreira investigadora na termodinámica de mesturas, nas características termofísicas de líquidos puros e mesturas e na supercondutividade e na acumulación de enerxía. Ademais de patentar xunto con outros autores ata 10 inventos en España, ao longo dos seus case 40 anos ligado á Física Aplicada o catedrático publicou numerosos artigos en revistas científicas de nivel internacional como o Journal Chemical Engenering Data, a International Journal of Thermophysics ou na Journal Chemical Thermodinamics.