DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É o único grao do SUG que ten os tres primeiros cursos en marcha

José Ramón Leis destaca a singularidade do grao en Belas Artes nun encontro con estudantes e docentes

O director xeral recoñeceu o esforzo na elaboración dos plans de estudo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 14/01/2009

Nunha visita realizada hoxe á Facultade de Belas Artes, o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, José Ramón Leis Fidalgo,destacou a “singularidade” do primeiro grao implantado na Universidade de Vigo por tratarse do “centro máis avanzado no Espazo Europeo de Educación Superior” xa que é o único dos cinco graos xa implantados do Sistema Universitario de Galicia que dispón dos tres primeiros cursos en marcha. Nun encontro con estudantes e docentes do centro, Leis aproveitou para recordar as bondades do EEES, entre as que sinalou que “non ten competencia porque é entendible en toda Europa”, así coma o feito de que mida “o esforzo do alumno”. Do mesmo xeito, animoulles a traballar para arranxar os “problemas puntuais” que a adaptación e a situación de cambio poidan xerar e a esperar a ter “máis perspectiva” para entrar en avaliaciones profundas.
Leis valorou o traballo que se fixo e se está a facer desde as facultades na creación dos plans de estudos e cualificou de moi positivo o seu esforzo, ademais de destacar o fito de que sexa “a primeira vez que os fan ao cen por cento desde a universidade”. Ante os alumnos recordou que “o voso prestixio será o da facultade; e o da facultade tamén é importante para nós”.

A presencialidade, o punto máis crítico

Nas súas intervencións, os alumnos demandaron “máis tempo de traballo cos profesores” e estes coincidiron en que o “33 por cento de presencialidade marcado é insuficiente para a lóxica didáctica desta carreira" e non chega para sacar adiante o traballo cos estudantes. Segundo os docentes, “a consideración singular das Belas Artes non está contemplada” e este está sendo o maior atranco nos primeiros pasos do grao nesta facultade. O director xeral animounos a formular unha reestruturación do modelo neste aspecto e sinalou que ante o EEES “todos, profesores e alumnos, imos ter que cambiar de formas e tempos” nos primeiros momentos da súa implantación. Leis tamén sinalou o plan de financiamento que deberá elaborarse no 2010 como a “panca do goberno” para arranxar todas estas deficiencias e brindoulles unha “canle de comunicación aberta”.