DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participou nas IV Xornadas de Comunicación e do Deporte

José Ramón Lete defende no campus a necesidade de manter a política de patrocinios da Xunta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
D. Besadío DUVI 25/10/2010

O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, defendeu este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación os orzamentos que o executivo galego vai destinar no 2011 a deportes, cifras nas que pese ao importante recorte, “non se dará un paso atrás no apoio ao tecido deportivo”, subliñou, ao tempo que explicou que a redución se reflectirá no descenso de investimento en instalacións deportivas “algo que era unha materia pendente hai 20 anos, pero que hoxe temos superado”.

Lete fixo estas declaracións no transcurso das cuartas Xornadas de Comunicación e do Deporte, onde estaba previsto que impartise o relatorio inaugural pero, debido precisamente á presentación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano na sede do parlamento autonómico, houbo que adiar ata a tarde a súa intervención. “O tecido deportivo precisa sobrevivir a esta crise e o sector público debe estar aí para apoialo”, subliñou nunha intervención na que tamén expresou a necesidade de modificar a lei 49/2002, que establece o marco dos beneficios fiscais relacionados cos patrocinios e mecenazgos, tanto no referido aos suxeitos beneficiarios desas reducións como ás diferentes porcentaxes de aplicación.

Organizadas pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, estas xornadas trouxeron tamén ao campus ao director corporativo da Federación Española de Baloncesto, Alfonso Seoane, que se centrou na organización de eventos deportivos dirixidos ao público infantil, como os certames de minibasket. En relación aos máis pequenos falou tamén Rodrigo Ron, director do Festival El Chupete, e o membro do comité organizador da festa deportiva HQR, David Acevedo.

O oso Berni e Al filo de lo imposible, no peche

As xornadas continuarán mañá martes coa participación dun dos relatores máis esperados entre os asistentes, Carlos Biern, vicepresidente de BRB Internacional, unha axencia española de animación autora de éxitos coma o mítico David o Gnomo, que xusto nesta data cumpre 20 anos de existencia. Biern centrarase nesta ocasión nun personaxe de máis recente creación, o oso Berni, e o seu labor en educar no deporte aos máis cativos.
Tamén entre os pratos fortes, pechará a xornada David Pérez, membro do equipo do programa de Televisión Española Al filo de lo imposible, que contará o que supón ter que rodar en plena acción, cámara en man nos lugares máis extremos.