DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Romay enfronta a fotografía de prensa á reportaxe de autor nunha conferencia-taller

Será hoxe e mañá na Facultade de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 11/03/2010
A Facultade de Belas Artes, coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, acolle ao longo de dous días, hoxe e mañá, a conferencia-taller Fotografía documental e reportaxe de autor. Historias-técnicas-usos-publicacións, impartida por José Romay, fotógrafo e estudante de Belas Artes. De acceso gratuíto e con horario de 16.00 a 20.00 horas, Romay animará ao alumnado que se achegue ao Espazo 10 deste centro a analizar as diferenzas entre a fotografía da prensa diaria e a profundidade da reportaxe e o documental fotográfico, o traballo feito coa premura da actualidade, fronte ao quefacer reflexivo do traballo de autor. Para isto fará un percorrido polos fotógrafos e as publicacións máis importantes da historia da fotografía desde finais do século XIX, tamén coa finalidade de abrir un debate en torno ás vías de profesionalización neste eido.
“O meu obxectivo principal é aclarar a grande diferenza existente entre os tipos de uso da fotografía, pois non é o mesmo facer imaxes para a prensa diaria, que facer reportaxes ou documentais fotográficos en profundidade”, sinala o profesor do obradoiro. Neste camiño intentará formular dúas sesións eminentemente prácticas, nas que o alumnado asistente poida comentar traballos específicos, comparando aqueles sobre un mesmo tema e lugar, pero realizados por autores diferentes e con tempo de dedicación tamén distinto. “Intentarei que haxa comunicación entre os estudantes, para debater todos xuntos e aprender uns dos outros”, sinala, para o que proxectará fragmentos de documentais sobre a historia da fotografía e determinados autores.

Lewis Hine, a revista Life e os documentalistas dos 80

José Romay destaca como punto de partida da fotografía documental a obra de autores como Lewis Hine. Así mesmo, considera de especial relevancia “os cambios introducidos a mediados do século XX pola prensa ilustrada alemá e americana, en particular pola revista Life como inventora do ensaio fotográfico, do que é representativo Eugene Smith”. Para chegar á diversidade estilística e de enfoque do traballo que se fai na actualidade cita outra contribución histórica que considera fundamental: “a ruptura coa linguaxe fotográfica anterior, cunha visión máis clásica, que fixeron os documentalistas británicos dos anos 80, con figuras como a de Martin Parr”.

A galería, novo espazo para o traballo de autor

Romay pensa que existe unha gran distancia entre o tipo de fotografía que se pode atopar a diario na prensa convencional, que aquela realizada desde unha perspectiva máis persoal, máis meditada e cunha dispoñibilidade de tempo maior. “A imaxes da prensa diaria non buscan a calidade, porque está máis centrada en vender e na rapidez da actualidade, que no rigor informativo”, opina.
Cre que non existen cabeceiras abondas para acoller a gran cantidade de fotógrafos existentes, polo que considera que o espazo do documental de autor está nas galerías de arte e na edición de catálogos sobre as mostras. “Mesmo hai profesionais que mudan a súa linguaxe, máis de rúa, cara a unha visión máis estética pensando en darlle saída ao seu traballo en exposicións”, asegura. No relativo ás publicacións especializadas, cre que “teñen moita calidade, pero pouco diñeiro, polo que só lles compensa a fotógrafos cun nome consagrado, que teñen garantidos ingresos por outras vías”. “Revistas máis convencionais como El País Semanal ou Magazine poden publicar algo bo ao longo do ano, pero non é o lugar habitual da reportaxe de autor”, subliña.
José Romay cursou estudos de fotografía na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense. Traballou como fotoxornalista para La Voz de Galicia e Diario de Arousa e o seu traballo máis persoal foi recollido en vairas revistas e exposicións individuais e colectivas. En 2009 publicou o libro No grande azul, un ensaio documental sobre a vida e o traballo relacionados co mar, desenvolvido ao abeiro da 1ª Bolsa de Creación Fotográfica O Mar do Museo do Mar de Galicia e o Centro de Estudos Fotográficos de Vigo. Na actualidade dedícase ao documental fotográfico como freelance, impartindo talleres ao respecto, e cursa terceiro do Grao de Belas Artes.