DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Anne Fogarty, experta mundial no estudo do autor irlandés:

"Joyce foi un adiantado ao seu tempo na construción da identidade cultural irlandesa"

A profesora da University College of Dublin participou nun seminario en Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
S. Alcázar DUVI 22/10/2009

James Joyce foi un adiantado ao seu tempo e pioneiro na construción da identidade cultural irlandesa. Así o definiu a experta mundial no estudo das súas obras, Anne Fogarty, que este xoves participou no seminario Cultural Negotiations in the Construction os National Identity.
Organizado pola Facultade de Filoloxía e Tradución en colaboración co Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, o seminario contou tamén coa presenza dos profesores da Universidade de Vigo, Mª Teresa Caneda e Alberto Álvarez Lugrís.

Paixón por Joyce

Segundo explicou Fogarty “descubrín a Joyce cando estaba estudando en Alemaña e intereseime nel pola súa orixe irlandesa, pero a miña debilidade por este escritor e a súa obra está motivada polo seu afastamento dos estereotipos literarios, posto que Joyce non formaba parte dos autores clásicos que se estudaban na universidade”. Esta paixón polo escritor irlandés levou a Fogarty a analizar a súa obra literaria e realizar investigacións sobre todo o que tiña relación co autor, converténdose nunha especialista nesta temática. Actualmente preside a Fundación Internacional de James Joyce. “Para as miñas investigacións e estudos lin a obra Ulises completa unhas cinco ou seis veces, e algúns dos capítulos foron moitas máis” comentou Fogarty. Baseándose nesta experiencia explicou que “é recomendable ler Ulises en grupo pola súa complexidade lingüística e a gran cantidade de referencias que aparecen na obra”.

Un programa centrado en Joyce

Así, o autor irlandés foi o protagonista dos relatorios como un dos escritores máis representativos da literatura irlandesa. A conferencia What is my Nation?: Representing Irishness in Joyce´s Ulysses, Anne Fogarty fixo fincapé na principal obra literaria do autor, Ulises, e concretamente no episodio O ciclope co fin de achegar aos asistentes aspectos socioculturais e históricos de Irlanda representados no libro. “A elección deste capítulo vén dada porque é un episodio que, dalgún xeito, adianta moitas das cuestións que están hoxe vixentes sobre a temática que tratamos neste seminario”, explicou Teresa Caneda. Deste xeito, Anne Fogarty fala de Joyce como un adiantado ao seu tempo no que se refire á construción da identidade cultural, posto que non se identifica cos paradigmas actuais de identidade universal e local, senón que se sitúa nunha posición intermedia que reflexa na súa obra.

Grande afluencia de público

A xornada caracterizouse pola alta participación do alumnado da Facultade de Filoloxía e Tradución, xa que nesta ocasión o seminario estaba aberto a todo o estudantado e non restrinxido soamente a alumnos de quinto de Filoloxía Inglesa como ocorrera en anteriores edicións. Tanto a temática do seminario como os conferenciantes contaron cunha grande acollida por parte do público asistente.