DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 38 votos a favor, dous en contra e un en branco

Juan Carlos Meana, novo decano electo da Facultade de Belas Artes

O centro contará cun novo vicedecanato para temas de Calidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 03/02/2011

38 votos a favor permitíronlle a Juan Carlos Meana converterse no novo decano electo da Facultade de Belas Artes. Aínda que no pasado mes de xuño xa asumira o papel de decano en funcións tralo nomeamento de Ignacio Barcia como vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, foi nesta semana ratificado pola Xunta de Facultade cun equipo de goberno “que mestura continuidade e caras novas”. Afrontan estes catros anos cun novo vicedecanato destinado a resolver cuestións de Calidade xa que “debido ao maior volume de xestión que implican os temas de calidade e que cada vez sexan máis importantes, pareceume conveniente dedicar o traballo dunha persoa para iso”, apunta Meana.

A experiencia de Juan Carlos Meana en labores administrativos foi o que o levou a presentarse porque desde 2006 levaba asumindo o cargo de secretaría académica da facultade, primeiro con Jesús Hernández e despois con Ignacio Barcia como decano. “A responsabilidade institucional hai que asumila e a verdade é que levo anos metido nisto, participando activamente en todos os cambios do plan de estudos, o que fai que estea ao corrente de moitas normativas e proxectos”. O decano está apoiado por un equipo caracterizado pola continuidade e pola introdución de novos membros. Así, a profesora Paloma Cabello seguirá como vicedecana de Asuntos Académicos e as novidades preséntanse no vicedecanato de Calidade con Fernando Suárez á cabeza, e no de Cultura e Relacións Intitucionais dirixido a partir de agora por Silvia García, alumna da 2º promoción da licenciatura de Belas Artes, cuestión moi importante pois como explica o novo decano, “trátase dun produto da casa, un relevo interno coñecedora de todo”. A secretaría académica pasa a ser asumida por Ana María Suárez, do sector PAS.

Novos retos

Considera que se atopa nunha etapa tranquila “na que non vai haber grandes transformacións porque xa se levaron a cabo”. O seu principal obxectivo está orientado a normalizar e consolidar os estudos de grao e mestrado, realizando os axustes necesarios. Outra prioridade é a de elaborar un proxecto para adaptar o título propio de Esdemga “en grao ou mestrado, aínda non o temos maduro”. Farase con tranquilidade e calma pois como explicou Meana “ata o 2013 a Xunta non abrirá convocatoria para novas titulacións”.

Con respecto ao futuro Edificio das Artes recoñece que “é unha época de vacas flacas” e que “será un edificio perfecto porque irá moi meditado e construíndose lentamente”. Mais, para este ano ten previsto traballar conxuntamente co arquitecto Juan Creus e coa vicerreitora do campus, Antonia Blanco, “para ir desenvolvendo o proxecto en detalle e deseñando a distribución interna do espazo”.

En período de eleccións atópase tamén a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que o pasado 1 de febreiro se abriu o prazo de proceso electoral para a presentación de candidaturas e o vindeiro 14 de febreiro coñeceranse as opcións. Este centro leva cun decanato en funcións desde marzo de 2009, ano no que se presentou a última candidatura abandeirada polo profesor Pedro Pablo Gutiérrez o cal non acadou o apoio necesario. Daquela o reitor nomeou como decano en funcións ao profesor máis veterano do centro, Xulio Pardellas, pero por unha baixa médica, quedou á fronte do centro Fortunato Rodríguez Fernández como decano accidental en funcións.