DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 31 votos a favor e 10 en contra

Juan Corbacho, novo decano de CCSS e da Comunicación co apoio do 75% da Xunta de Facultade

O novo responsable do centro destacou a elevada participación nas eleccións tanto do PDI, PAS e alum

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 07/10/2011

Despois de tres equipos decanais provisionais durante dous anos e medio, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación volve recuperar a estabilidade coa elección dun novo decano electo. Juan Manuel Corbacho asume o decanato do centro tras recibir o apoio do 75% da Xunta de Facultade, cun total de 31 votos a favor e 10 en contra. “Estamos moi contentos polo apoio recibido e, sobre todo, pola elevada participación dos membros do PDI, PAS e alumnado, o que pon de manifesto o grao de implicación de todo o mundo”, declarou Juan Corbacho tras coñecer os resultados das eleccións.

Afronta estes tres anos cun equipo de goberno formado por “vellas caras” e por novos profesores “cargados de ideas e de ilusión” e que representan as tres titulacións da facultade. Así, as “novas fichaxes” son a docente Carmen López de Aguileta, que pasa a ocupar o Vicedecanato de Calidade, e o profesor Alberto Dafonte, que se encargará da Secretaría da facultade. Continúan Celso Cancela como responsable de Infraestruturas e Fortunato Rodríguez como vicedecano de Alumnado. “Entramos con moita ilusión e moitas ganas de traballar, porque entendemos que hai moito que facer”, puntualizou o novo equipo decanal.

Primeiras medidas

Como aclarou Corbacho, as primeiras semanas estarán dedicadas a normalizar o funcionamento interno e diario da facultade, aínda que a prioridade será o Sistema de Calidade do centro, as relacións institucionais e a consolidación e promoción dos plans de estudos. “Persoalmente estou moi orgulloso de encabezar estes retos e a toda a xente que me deu o seu respaldo non teña dúbida de que imos facer todo o posible por esta facultade e por todos os nosos alumnos e alumnas, que son a base de todo”.

A elección de Juan Corbacho como novo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pon fin á cadea de equipos de goberno en funcións que se viña sucedendo dende marzo de 2009, “o que permitirá devolver a confianza e o compromiso con este centro”.