DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As eleccións celebraranse o vindeiro 7 de outubro

Juan Corbacho presenta unha candidatura "consensuada e de equipo" ao decanato de CCSS e da Comunicación

A calidade, a proxección das titulacións e as relacións institucionais, principais retos do seu prog

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 30/09/2011

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación comeza novo curso e tamén nova etapa coa celebración das eleccións a decanato do centro. A diferenza de ocasións anteriores nas que non se presentara ningunha candidatura, desta vez o profesor Juan Manuel Corbacho decidiu dar o paso “grazas ao respaldo e ao apoio recibido polo profesorado”. O próximo venres 7 de outubro, a Xunta de Facultade do centro decidirá se esta candidatura sae adiante e pon fin á cadea de equipos de goberno en funcións que se viña sucedendo dende marzo de 2009. “Somos unha alternativa consensuada e froito do traballo en equipo. De non ser así, non nos teríamos presentado”, explica o novo candidato.

Ademais do apoio e ánimos recibidos polo profesorado para que se presentase, Juan Corbacho tomou a decisión porque considera imprescindible que o centro volva contar cun equipo decanal electo, “lexitimado por todo o PAS, PDI e alumnado, co respaldo dunha xunta que decidiu votalo”, para poder planificar a medio prazo “e impulsar a proxección e visibilidade da facultade”. Aclara que non son necesarias grandes reestruturacións, pois as cuestións ordinarias e do día a día da xestión do centro “foron asumidas á perfección polos gobernos provisionais”, pero engade que non beneficia “os cambios de equipos e de dirección cada seis meses”.

Calidade e relacións institucionais, principais retos

Entre os principais retos, Corbacho sinala a necesidade de consolidar o sistema de calidade do centro e continuar coa adaptación dos plans de estudo ao EEES. Considera prioritario o deseño dun plan de promoción para captar novo alumnado, “proxectando a nosa oferta académica, pois non hai que esquecer que o ben máis prezado son os nosos alumnos e alumnas”. Igualmente destaca o establecemento de medidas que fortalezan as relacións institucionais tanto a nivel interno como coa contorna máis inmediata. “Estamos nunha cidade para a que debemos ser referente e coa que temos que traballar cóbado con cóbado”, puntualiza.

A experiencia de Juan Corbacho no eido da xestión vén de lonxe xa que leva máis de catro anos ao fronte do Vicedecanato de Alumnado, ocupándose das relacións institucionais, da mobilidade internacional e das prácticas do alumnado do centro. Ademais acompáñao un equipo de goberno no que están representadas as tres titulacións da facultade “e no que se mestura veteranía con caras novas no eido da xestión”. Así, o profesor Alberto Dafonte preséntase por primeira vez a unhas eleccións como secretario da facultade e a docente Carmen López de Aguileta como vicedecana de Calidade. Continuarían Celso Cancela como responsable de Infraestruturas e Fortunato Rodríguez como vicedecano de Alumnado.

Un cambio de rumbo

A candidatura de Juan Corbacho supón un cambio de rumbo con respecto ao acontecido nos últimos períodos electorais da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Dende marzo de 2009 non se presentaran candidaturas para dirixir o centro, sendo a última a do profesor Pedro Pablo Gutiérrez que non obtivera os apoios suficientes na Xunta de Facultade. Para Corbacho, esta ausencia de candidaturas durante dous anos e medio débese “ao temor de non contar co apoio necesario para saír escollido, algo que tamén pode ocorrer nesta ocasión”. Engade ademais que a facultade acolle unha gran variedade de áreas de coñecemento “o que dificulta aínda máis definir unha proposta xeral que englobe os intereses de todos”, conclúe.