DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro relatorio do VII Memorial Filgueira Valverde

Juan Ignacio Ruiz desvela as claves da consolidación do Camiño de Santiago

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 29/10/2008
Cunha análise da elaborada e premeditada política do rei Alfonso VI para promover a peregrinación a Santiago de Compostela comezou o VII Memorial Filgueira Valverde. O experto en Historia Medieval Juan Ignacio Ruiz de la Peña desgranou as “actuacións tutelares” que este monarca levou a cabo, “consciente das consecuencias para o desenvolvemento dos seus reinos”.
Co apoio de diferentes documentos históricos, Ruiz de la Peña sinalou “a eliminación de obstáculos fiscais, a creación dunha tupida rede hospitalaria e a mellora das infraestruturas” como os tres puntos claves nos que se concretou a acción ordenadora de Alfonso VI. Ademais, para converter a peregrinación nun auténtico “camiño urbanizado” o monarca fomentou a creación de núcleos urbanos “como Sahagún ou Logroño” mediante a concesión de fueros e privilexios xurídicos e deseñou estratexias para a atracción de estranxeiros cara a estas terras para que “activasen a vida económica grazas ás súas actividades comerciais”.
A relación de toda a actividade política de Alfonso VI veu poñer de manifesto unha das características da Cátedra Filgueira Valverde, a anticipación, tal e como recordou Carlos Valle, o director do Museo de Pontevedra. E neste caso, a anticipación foi dobre xa que en 2009 se cumprirá o noveno centenario da morte do monarca e a través do estudo do seu reinado descóbrense as raíces "da Unión Europea, ou do euro, dos que hoxe falamos a diario cando hai xa novecentos anos que os territorios occidentais da península comezaron a homologarse co resto de Europa", apuntou Valle.
Antes do relatorio do catedrático da Universidade de Oviedo, as diferentes entidades públicas e privadas que apoian a Cátedra Filgueira Valverde, Universidade de Vigo e Caixanova e a Deputación e o Museo de Pontevedra como colaboradores destas xornadas, inauguraron o ciclo de conferencias. Juan José Durán e Teresa Pedrosa, en representación da Deputación, sinalaron “a pegada” de Filgueira como “alma máter” do Museo de Pontevedra. Pola súa banda, o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade, Iván Area, recordou a figura “máis que poliédrica, esférica” de Filgueira Valverde e apuntou á Universidade como “base experimental” e ao foro como “espazo de reflexión” para impulsar a transformación do mundo actual. Tamén anunciou para próximas datas a publicación dunha obra mediante a que se poida “valorar o traballo dos docentes e investigadores do campus de Pontevedra”.

A reforma monacal, próximo tema de atención

Ao Memorial Filgueira Valverde aínda lle quedan por diante tres conferencias e o concerto de música antiga co que se pechará o ciclo. Este mércores, o profesor da Universidad San Pablo-CEU Antonio Linaje ofrecerá un relatorio baixo o título O monacato en Galicia en tempos de Alfonso VI. O 4 de novembro retómase a programación da man de Ermelindo Portela, da Universidade de Santiago de Compostela, que abordará a coñecida faceta de Alfonso VI como conquistador de territorios e poder. Ao día seguinte, será o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, quen achegará as súas aportacións sobre a arte e a arquitectura galega do século XI. Finalmente o día 6, os participantes no memorial desprazaranse ata a igrexa do convento de Santa Clara para asistir a un concerto de música antiga a cargo do grupo Resonet.