DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio

Juan Pedro Gómez defende Navantia como unha empresa de “solucións probadas” na industria naval militar

O presidente de Navantia rexeita unha redución de persoal por causa da crise

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 04/02/2009

Aínda que de recente creación, Navantia, “herdeira de 250 anos de coñecemento naval militar”, atópase nunha situación “altamente competitiva no mercado da industria naval militar”. Así foi como Juan Pedro Gómez Jaén presentou este mércores a empresa que preside, pertencente á SEPI, nun relatorio ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio.
Gómez comezou por explicar o contexto da creación de Navantia en 2005 co plan de salvamento lanzado polo Goberno trala quebra de Izar para destacar o seu papel de “contratista principal da Armada española, a clave da súa capacidade de deseño, construción, integración de sistemas e mantemento dos buques de guerra”. Na súa exposición, o presidente de Navantia, debullou as actividades realizadas en cada un dos catro centros da empresa. Ademais da sede corporativa, sita en Madrid, Navantia dispón de bases en Ferrol-Fene, Cartagena e Cádiz. Da sede galega, especializada na construción de buques LHD, portaavións, buques de asalto anfibio, buques de aprovisionamento e fragatas, sinalou o “fito mundial da construción dun portaavións para a mariña de Tailandia”.
Os sistemas de control de plataforma, de rastreo de minas, os sistemas electroópticos, ademais da cooperación internacional con institucións universitarias e centros tecnolóxicos, son as diferentes frontes nas que Navantia traballa nun proceso de continua mellora. Para iso, conta “con máis de cinco mil cincocentos empregados, altamente cualificados, sen os que a empresa valería cero”, indicou Gómez.
Gómez destacou o traballo conxunto da empresa que preside e da Armada, “xuntas desde a fase previa á viabilidade e ata a materialización final, continuando na modernización e reparación dos buques ao longo da súa vida” e o “alto nivel da Armada” como as claves que fan que “Navantia poida realizar produtos de gran valor engadido” e ofreza "solucións probadas". E é que as mariñas doutros países tamén se benefician das construcións da empresa española. Segundo indicou Juan Pedro Gómez, actualmente Navantia traballa na construción de submarinos para Chile, fragatas para Noruega e buques e destructores para a Armada australiana.

Algo máis que un estaleiro

Hai pouco que se creou unha área específica para o mantemento de buques o que, segundo Gómez, “aproveita todo o potencial de Navantia”. Deste xeito, a colaboración entre a Armada, o Ministerio de Defensa e Navantia provocou unha mellora comparativa nos últimos anos nos que “pasou de tomar deseños exteriores a facelos propios, de montar sistemas alleos a integrar sistemas propios nos buques e abandonou a dependencia tecnolóxica” Agora, o día a día da empresa pasa por “manter e perfeccionar o modelo para proxectar a Navantia como actor principal en Europa”.

Forte ante á crise

Cuestionado polos asistentes ao relatorio, Gómez tamén analizou a situación da empresa en relación á actual crise económica. Afirmou que non se contempla unha redución de persoal e que Navantia afronta a crise “cunha magnífica tesourería e unha carteira de máis de cinco mil millóns de euros, co traballo garantido ata 2014”. Gómez sinalou que “os programas militares son moi estables” e tamén amosou a súa confianza de que a crise se solvente antes de que chegue ese momento.