DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de que non se presentasen candidaturas no proceso electoral aberto na escola

Juan Picos continuará á fronte da EE Forestal como director en funcións

Permanece na dirección do centro desde 2017

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/12/2023

Coa encomenda de convocar novamente eleccións nos próximos meses, o profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente Juan Picos continuará á fronte da Escola de Enxeñaría Forestal como director en funcións. Director do centro desde 2017, Picos foi nomeado xa director en funcións o pasado mes de novembro, coincidindo co remate do seu segundo mandato e a apertura do proceso electoral para a elección dun novo director e directora, que se pechaba nos últimos días despois de que non se presentase ningunha candidatura.

Tras exercer previamente como secretario académico da escola, Picos Martín sucedeu a Enrique Valero na dirección da EE Forestal en 2017, á fronte dun equipo que completaban os docentes Ángeles Cancela e José Manuel Casas, como subdirectora e secretario académico, respectivamente. En novembro de 2020, o xa director en funcións foi reelixido para un segundo mandato consecutivo, o máximo permitido pola actual normativa, obtendo o apoio dos 23 integrantes da Xunta de Escola que participaron na votación.

Dos últimos tres anos á fronte do centro, tamén con Cancela e Casas completando o equipo directivo, Picos lembra o traballo realizado para a concesión definitiva do selo internacional EUR-ACE, que acredita o cumprimento dos estándares europeos neste ámbito da enxeñaría e que a escola acadara de xeito provisional en 2019. Tamén neste 2023 acadouse a renovación do certificado Fides-Audit á implantación do Sistema de Garantía de Calidade da escola, outorgado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). O director en funcións destaca, por outra banda, “o reforzo das relacións da escola cos centros de formación e investigación forestal de Pontevedra, a colaboración do centro no desenvolvemento do campus” e as múltiples colaboracións con institucións e empresas, así como a participación de investigadores e investigadoras da escola en proxectos estatais e europeos.