DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático é o primeiro director da unificada Escola de Enxeñería Industrial

Juan Pou: “A nova escola será un centro de referencia a nivel estatal”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 28/06/2011
Comezou a casa polos cimentos: chegou á Universidade de Vigo en 1982 como estudante e desde entonces xa non se desligou dela. Aos seus 48 anos, o catedrático Juan Pou asume a dirección da Escola de Enxeñería Industrial, resultado dun complexo proceso de fusión entre a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e a Escola Universitaria de Enxeñería Industrial, que deixa un centro con preto de 5000 alumnos e medio millar de docentes. Coa vista posta na chamada feita dende Alemaña na procura de enxeñeiros, o director afronta esta nova etapa cunha firme aposta pola visibilidade da investigación e pola formación transversal dos enxeñeiros axudado por un equipo de 11 persoas que conxuga gañas e experiencia, como o antigo director da ETSEI, Carlos Vivas. Catedrático de Física Aplicada e primeiro español en formar parte da directiva do Instituto Americano do Láser, unha das sociedades internacionais de máis prestixio neste campo tecnolóxico, Pou reflexiona no Duvi sobre os novos retos que debe capitanear.

Agora está ao fronte dun dos buques insignia da Universidade de Vigo…
Non vou negar que ser o director da Escola de Enxeñería Industrial é para min todo un privilexio. Que te elixan os docentes, o alumnado, as persoas que traballan na xestión administrativa e nos servizos do centro é toda unha honra. Se ademais moitos dos que o fan foron os teus profesores, os teus compañeiros de clase, os teus ex alumnos… as palabras quédanse curtas para expresar os sentimentos.

Que supón para vostede dirixir unha escola de semellante calado?
O máis importante deste proceso é que foramos capaces entre todos de chegar á botadura do buque. Coa participación masiva na primeira Xunta de Escola, profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos das dúas antigas escolas deron o seu apoio á fusión. A unión destas dúas escolas é un feito singular en toda España do que debemos felicitarnos toda a comunidade universitaria.

Cales son os retos para esta nova etapa?
O primordial é a preparación dos nosos alumnos. Plantexámonos unha formación integral no campo da enxeñería industrial concibida nos tres niveis, grao, posgrao e doutoramento. Polo tanto, o reto está en manter, ou incluso superar, a calidade na formación dos egresados que obteñan o seu título polas antigas escolas hoxe fusionadas.
A nivel interno temos que intentar que dúas escolas cunha gran tradición e avoengo, centenaria no caso da antiga Escola Universitaria de Enxeñería Industrial e con máis de 30 anos no caso da vella ETS de Enxeñeiros Industriais, pasen a ser unha soa Escola cuns obxectivos e cun fin común.

É viable asumir o liderado dunha Escola que antes xestionaban dúas persoas, Luis González Piñeiro e Carlos Vivas?
A dirección dun centro universitario non é labor dunha única persoa, en todos os casos hai un equipo directivo que axuda a levar a xestión e no caso da nosa escola o seu papel é, se cabe, aínda máis importante.

Qué destacaría dese equipo de goberno?
Combina persoas cunha grande experiencia en tarefas directivas con outras que aportan ideas novas. Pero, ante todo, son persoas moi traballadoras que cren firmemente na nova Escola de Enxeñería Industrial. Cren que a unión das dúas escolas, a pesar de todas as dificultades, vai dar lugar a un centro de referencia no campo da enxeñería industrial a nivel estatal.

Este novo equipo directivo ten unha estrutura adaptada á peculiaridade de ter dous sedes, con tres áreas nas que hai un responsable para o centro situado no campus e outro para o da cidade...
O obxectivo é que a unificación das dúas antigas escolas se realice dunha forma harmónica e coas mínimas distorsións posibles. Polo tanto, consideramos que áreas como organización docente, as infraestruturas e instalacións e a atención ao alumnado deben estar desdobradas e ter unha atención específica por parte dun subdirector en cada sede. Outras áreas como Planificación, Calidade, Relacións Exteriores e Posgrao e Doutorado deben ser transversais, por iso dispoñen dun subdirector para toda a Escola.

Ter dúas sedes suporá un obstáculo no avance da Escola?
Ter un centro con dúas sedes fisicamente distantes supón algunhas dificultades á hora da coordinación e do funcionamento diario do centro. O reto está en facer desa dificultade unha virtude e pór en valor o feito único de dispor dunha sede no campus de Lagoas-Marcosende e outra no centro de Vigo.