DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadou o 81% dos votos

Juan Pou, primeiro director da unificada Escola de Enxeñería Industrial

O novo equipo directivo terá un representante no campus e outro na cidade en tres áreas de goberno

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 22/06/2011

Leva máis de 30 anos na Universidade de Vigo e contará cun equipo “con xente con experiencia en postos directivos e moi traballadora”. O catedrático Juan Pou Saracho é dende este mércores o primeiro director da unificada Escola de Enxeñería Industrial, resultado dun complexo proceso de fusión entre a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e a Escola Universitaria de Enxeñería Industrial. Era a única candidatura que concorría ás eleccións para liderar este novo proxecto e suceder así aos dous predecesores no cargo, Luis González Piñeiro e Carlos Vivas. Pou recolle así o testemuño co respaldo de case o 81% dos 210 votantes, con 170 papeletas a favor, 24 en contra, 15 en branco e unha nula. “É unha honra porque me dá a confianza sobre todo dos que foron os meus profesores, compañeiros ou incluso alumnos. Que crean en min dame forza para iniciar esta nova etapa”, asegurou o xa director.

Para afrontar este novo reto, Pou contará cun equipo de goberno renovado e cunha estrutura adaptada á peculiaridade de ter dous sedes, unha no campus universitario e outra na cidade. Por iso, as áreas de Organización Docente, Infraestruturas e Alumnado terán un subdirector para cada centro: mentres que no campus os representantes destas áreas serán Ana Mejía, Juan Pardo Forján e Fernando Cerdeira, respectivamente, na cidade os responsables serán María Fenrández, Carlos Vivas e Francisco Rodríguez. Pola súa banda, Celso Fernández estará ao fronte de Planificación, Jaime S. Atienza de Calidade, Elena Martín de Relacións Exteriores e Elena Albo de Posgrao e Doutorado. Óscar López será o Secretario da nova Escola de Enxeñería Industrial. Todos teñen un gran reto por diante. “Ter dous sedes complica a fusión, sobre todo cando a distancia é tan evidente. A tradición centenaria do centro de Torrecedeira e os máis de 30 anos da Escola do campus non se poden cambiar dun día para outro”, recordou Juan Pou.

Membro do consello directivo do Instituto Americano do Láser

O catedrático afronta esta nova etapa con gañas de “facer esta Escola máis grande e forte para defender a Enxeñería Industrial. Esta fusión é algo bastante singular incluso a nivel estatal, levou o seu tempo, pero a sinerxía que se crea vainos facer un centro de referencia". Enxeñeiro industrial e catedrático de Física Aplicada, Juan Pou, comezou a súa andadura na Universidade de Vigo en 1982, primeiro como alumno e despois como profesor. Ademais, foi o primeiro científico español que pasou a formar parte do consello directivo do Instituto Americano do Láser, unha das sociedades internacionais de máis prestixio neste campo tecnolóxico.