DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por 8-40 ante o Campus Ourense

O Kaleido Universidade de Vigo estréase con derrota no derbi universitario

Comezou con vitoria o Campionato Galego de tenis +35

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 17/09/2018

Non puido ser. O Kaleido Universidade de Vigo non foi quen de asinar unha vitoria para comezar a tempada 2018-2019 na División de Honra B do rugby nacional. No derbi no que se medían ao Campus Universitario Ourense, os vigueses perderon na casa 8-40, nun encontro no que os das Burgas amosaron a súa condición de favorito nunha competición que se presenta moi competida.

O Kaleido Universidade de Vigo tentouno, pero topouse cun rival duro, con maior pegada e contundencia, xa que os ourensáns de David Monreal comezaron a liga moi reforzados. Os de Adrián Lago, que manteñen o bloque da temporada pasada, incorporando varios xogadores do segundo equipo, amosaron constancia e esforzo e levaron o peso do encontro ata o minuto 30 con opcións de anotar e dominando fases en campo contrario. Pero varios erros non forzados leváronnos a encaixar ensaios nos últimos minutos de cada parte que foron abrindo unha fenda cada vez maior no marcador.

A pesar da derrota, o adestrador vigués, Adrián Lago, sinalaba que “o equipo mostrou actitude para ir cara adiante cando o rival se distanciaba no marcador, con fases de ataque e defensa organizadas por momentos, que non tiveron recompensa. Deberemos traballar a toma de decisións en certas zonas do campo, sobre todo na 22 contraria e na nosa e continuar mellorando o estado físico”. Tras esta derrota, o Kaleido Universidade de Vigo viaxará a San Sebastián a próxima xornada para medirse co AVK Bera Bera RT.

Comezo con vitoria Campionato Galego de tenis de veteranos

Ademais da División de Honra B do rugby, este domingo comezaba tamén o último Campionato Galego da tempada de tenis, o dos veteranos +35. Esta competición dispútase entre setembro e decembro e a Universidade de Vigo conta cun equipo na máxima categoría, a División Honra, cuxo obxectivo principal é acadar a fase de campión. No primeiro encontro, que se disputou no campus vigués, o Universidade de Vigo enfrontouse ao Náutico de Vigo, ao que se impuxeron por 6-1.