DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de xadrez mantense líder da clasificación

O Kaleido Universidade de Vigo remata a liga oitavo tras impoñerse no derbi ao CRAT

No tenis o equipo A perdeu e o B obtivo a súa primeira vitoria ligueira

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 03/04/2017

O Kaleido Universidade de Vigo RC rematou a liga da División de Honra B en oitava posición tras impoñerse no derbi deste domingo ao CRAT A Coruña por 29-23. Os vigueses baixan así o pano desta temporada nun encontro que foi o número 100 para Adolfo Rodríguez 'Uru' e para Carlos López. O Kaleido Universidade de Vigo foi sempre por diante no marcador e grazas a un ensaio de Carlos de Cabo chegaron ao descanso cunha vantaxe de 12-5. Na reanudación, os coruñeses conseguiron dous golpes de castigo cos que recortaron distancias ata poñerse 12-11 no marcador. Pero os universitarios repuxéronse e con dous ensaios de Maxwell puxéronse 29-11 e finalmente puideron conter os últimos ataques coruñeses e pechar o partido co definitivo 23-23. O encontro serviu tamén para que Maka Tatafu volvese ao terreo de xogo tras a súa lesión.

O equipo de Xadrez mantense líder da clasificación

A só dúas semanas do final da liga, o Universidade de Vigo-Exp Xadrez: estratexia pola Paz mantén intactas as súas opcións de revalidar o título de campión galego ao gañar pola mínima ao Xadrez Bueu A, un dos pechacancelas da categoría. “Xa advertiamos a semana pasada de que os enfrontamentos cos equipos da parte baixa se envelenaban dado o axustado da loita por eludir o descenso”, explica o capitán do equipo, Pablo García, que subliñou que tamén influíu no resultado as baixas de última hora que trastocaron a preparación do encontro “e que nos fixeron perder unha oportunidade única para sentenciar por completo a liga”, engadiu García. Nunha posición moito menos vantaxosa atópase o Escola Universitaria de Vigo, que sufriu unha nova derrota, polo que o enfrontamento da próxima xornada co pechacancelas resultará definitivo.

Tras estes encontros a liga paralízase ata o vindeiro día 22 e, entre tanto, disputaranse os campionatos galegos das modalidades Absoluta, Sub8, Sub12 e Sub16. Nestes encontros, Alberto Portela defenderá o seu título de campión alcanzado o ano pasado con 17 anos e Pablo Vidal probará sorte tamén na absoluta tras proclamarse subcampión Sub18 en febreiro. Participarán tamén Juan Bahamonde, en Sub16, e Rubén Fernández, que intentará sumar un novo título ao seu xa extenso palmarés na categoría Sub12.

Estas datas serán tamén especialmente interesantes para os mestres internacionais Daniel Rivera e Pablo García, que un ano máis se desprazarán ao Campo de refuxiados sirios de Azraq en Xordania, ao abeiro do proxecto solidario da Escola Xadrez Pontevedra, en colaboración con Ajedrez sin Fronteras, unha iniciativa posta en marcha o pasado ano co apoio do Concello de Pontevedra e que se converteu na primeira escola de xadrez nun campo de refuxiados. Partirán cara Xordania o xoves día 6 e volverán o martes 18. “Froito do convenio alcanzado este ano entre a Universidade de Vigo e a Escola Xadrez Pontevedra decidimos pór ao primeiro equipo o nome deste proxecto solidario para darlle unha maior visibilidade se cabe, en cada unha das competicións e viaxes que realizamos”, explica García.

Cara e cruz no tenis

Esta fin de semana, o equipo masculino B acadou a súa primeira vitoria, mentres o masculino A sumou a súa terceira derrota desta temporada. O primeiro equipo universitario, o masculino A mediuse ao C. Campo e rematou o encontro sen conseguir ganar nin un so punto. A súa mala racha contrasta coa do equipo B, que se impuxo 4-3 ao Tenis Gondomar. Tras terminar 3-2 a favor nos individuais e perder en dobres número 1, a parella 2 acadaba a vitoria final nun frenético encontro e no super-tiebreak do terceiro set. O equipo suma así a súa primeira vitoria. O próximo sábado, o equipo B disputará o seu partido atrasado do domingo anterior.

O equipo de atletismo, na media maratón Vig-Bay

Esta fin de semana a media maratón Vig-Bay contou con participación dos corredores do equipo de atletismo da Universidade de Vigo. A pesares de que dous deles tiveron que retirarse por molestias físicas e malestar, todos eles mantiveron un bo ritmo de carreira, sobre todo nos primeiros quilómetros, nos que buscaron paliar os fortes desniveis do terreo. Despois a carreira transcorreu tranquila ata o final de monte Lourido, onde outros membros do equipo que non participaron estaban agardando o paso dos corredores para darlle ánimos. Os últimos quilómetros foron os máis duros, polo sol e as altas temperaturas para a época do ano, e cunhas rectas que parecían infinitas debido o cansazo acumulado. Con todo, os corredores puideron sobrepoñerse e conseguiron cruzar a meta.

O próximo obxectivo nos calendarios dos atletas universitarios será a Happy Go Running-Cidade Universitaria, a carreira de 10 km organizada pola propia Universidade no campus de Vigo que terá lugar o vindeiro 23 de abril.