DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O actor libanés representa este martes a súa obra monólogo 'Koum Yaba'

Kassem Istanbouli pon voz no campus ao pobo palestino

A peza realiza un percorrido emocional polo pasado e polo presente deste conflito

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 22/10/2013

Unha conversa dun fillo co seu pai morto. Con este punto de partida, o escritor, actor e director teatral libanés Kassem Istanbouli pon sobre o escenario o conflito do pobo palestino e realiza unha viaxe emocional pola súa historia, polo seu presente e polas consecuencias que para as persoas ten estar inmersos nese contexto político e social. O campus de Ourense acollerá este martes a representación da súa obra monólogo Koum Yaba, unha peza inspirada nas memorias do escritor palestino Salman Natour.

Koum Yaba, explican os seus creadores, fala da historia do pobo palestino desde o ano 1948 ata a actualidade, reivindicando os dereitos desta comunidade e chamando á convivencia pacífica no presente e no futuro. Escena escena, o actor realiza durante a súa representación un percorrido polos feitos e polos sentimentos que representan este conflito, empregando para todo elo un estilo de comedia tráxica. A temática e o estilo da peza enmárcase na liña de traballo de Kassem Istanbouli, que nado en 1986 de nai palestina, ten realizado un gran número de representacións teatrais coa súa compañía independente Istanbouli Theatre, obras que se caracterizan sempre por un gran compromiso social coa realidade, como a situación que vive o seu país, Líbano.

Segundo destacan os seus promotores, a obra foi representada en todo tipo de escenarios, fundamentalmente nas rúas de Líbano, nos campos de refuxiados palestinos e en Gaza, onde se escenificou por primeira vez no ano 2008. Koum Yaba chegou a Madrid en maio de 2011 e estas semanas represéntase en diferentes lugares da xeografía galega, unha xira no marco da cal se produce a actuación este martes na sala multiusos Emilia Pardo Bazán. A representación, que terá lugar ás 20.00, ten un custe de catro euros.