DUVI

Diario da Universidade de Vigo

33 deportistas e clubs foron galardoados na XXI Gala do Deporte

Katia Calvar e Serafín Pousada, novos premios á Excelencia Deportiva

Javier Pitillas e Carlos Pérez Alonso estrearon os galardóns de acción solidaria e de recoñecemento

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 29/11/2012
Non só teñen o talento e a habilidade física e psíquica para ser deportistas de elite, senón que tamén lle dedicaron anos de esforzo, sacrificio e disciplina para chegar ao máis alto. A XXI Gala do Deporte Universitario quixo premiar ese traballo de fondo cun acto no que se entregaron 33 galardóns aos deportistas máis destacados da comunidade universitaria viguesa, o bo facer e a traxectoria persoal de todos aqueles loitadores vitais da contorna. “A miña noraboa a todos aqueles medallistas que levan o nome da Universidade de Vigo polo mundo adiante a través do deporte e a aquelas persoas que buscan que a actividade física sexa algo natural no noso día a día”, gabou o reitor Salustiano Mato.

A taekwondista Katia Calvar e o xogador de balonmán Serafín Pousada foron un dos grandes protagonistas da noite, ao facerse co galardón á Excelencia Deportiva, que nesta cuarta edición quere recoñecer cun diploma conmemorativo e unha tablet a súa brillante traxectoria académica e deportiva. Xunto a eles tamén se destacou a carreira deportiva doutros seis valores en alza da comunidade universitaria que competían por facerse co premio: os balonmanistas Adrián Rosales, David García e Estela Doiro, o loitador Eliseo Permuy, a taekwondista Laura Lorenzo e a regatista Laura Llopiz. “A universidade é a primeira forza produtiva de valores que logo transmite á unha sociedade que, como o deporte, se move rápido. Son persoas, mozos e mozas, rachando límites, superando retos”, como salientou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria.

Unha estrela pola solidariedade e a dedicación

Nese afán de servir de alicerce da ponte tendida entre universidade e sociedade, a Universidade de Vigo decidiu outorgar nesta edición os primeiros premios a xente non vencellada directamente coa institución pero que destacan polo seu labor no ámbito deportivo. O I Premio Acción Solidaria nace coa idea de recoñecer os proxectos solidarios que “entenden a práctica deportiva como práctica da igualdade”. Así o resaltou o condutor da gala, o xornalista da TVG Alfonso Hermida, ao presentar “un premio de dimensión colectiva” para unha historia chea de vitalidade a pesar das adversidades: Gerardo Fernández e Javier Pitilla poñen cara ao proxecto DisCamino. O primeiro, un mozo xordo cego vigués “aventureiro” que non se amilana ante nada e aproveita todas as posibilidades que lle da a vida; o segundo, o seu guía e amigo. Xuntos percorreron os 770 quilómetros que separan Roncesvalles de Santiago de Compostela a bordo dun triciclo tándem especial traído de Holanda. “Gerardo é o primeiro protagonista deste proxecto e a persoa máis solidaria do mundo. Nada máis rematar o camiño, mentres os demais só querían descansar, el xa estaba pensando no ano seguinte e en que máis xente como el tiveran a oportunidade de vivir esa experiencia”, recordou Pitillas.

O premio a toda unha vida vencellada ao deporte nace dunha carreira contra o tranvía para aforrar a peseta que lle daban para collelo cada día e ter cartos a fin de semana. Carlos Pérez Alonso descubríu case por casualidade o seu don para o atletismo despois de pasar por deportes tan dispares como o baloncesto, o remo ou o tenis de mesa. 46 veces internacional absoluto, participou nos Xogos Olímpicos de Roma (1960), México (1968) e Munich en 1972, ano en que se retirou para pasar a adestrar, aínda que segue mantendo vixente o seu récord de España de 25000 e 30000 metros en pista. Un “corredor de fondo” que se sinte representante “de todos aqueles deportistas vigueses que non consiguen grandes logros pero que levan o nome da cidade por todo o mundo”. Sen perder ocasión, Pérez aproveitou a presenza no acto de Jesús Hermida, membro honorario da FISU, para pedir unha Universiada para Vigo.

2500 universitarios vigueses competindo

Con dous padriños de luxo, os olímpicos David Cal e Javier Gómez Noya, a gala quixo recordar que a Universidade segue a ser unha factoría de deportistas, con preto 2500 persoas competindo e ligas oficiais, estudantes que ademais de “deixarse os cóbados nas aulas tamén o fan nos campos e pistas”. Por iso, a lista de premiado foi completada cos 15 medallistas dos Campionatos de España Universitarios 2012 e nos Mundiais Universitarios; co adestrador de rugby Adolfo Rodríguez e o xadrecista Manuel Pena; co equipo de rugby Blusens Universidade de Vigo, o de Xadrez e o de Baloncesto Feminino de Ourense nas sección federadas por equipos; e co membro do departamento de Organización de Empresas e Márketing Alfonso Mandado, atrapado polo rugby.

Galardón como Deportista Universitario do Ano 2012 e estrela clásica para David Pérez Pallas, estudante de Telecomunicacións de 24 anos e un dos catro árbitros españois que conseguíu ascender de Segunda División B. Todo un fito tendo en conta que outras 120 persoas optaban ao posto. Un dos grandes ausentes da noite foi Borja Oubiña, xogador do Celta e premio como egresado, que non puido acudir á gala por estar competindo na Copa do Rei, pero que deixou preparado un vídeo recollendo o galardón de mans do vicerreitor Xosé Henrique Costas tras un adestramento na Madroa.

Deporte ata no descanso

A gran festa do deporte universitario estivo chea de sorpresas, música, humor e, como non, de actividade física. Entre premio e premio o público puido relaxarse escoitando á cantante e actriz Mónica de Nut cantando Eu chorar, chorei acompañada pola guitarra de Virxilio Dasilva. E tres deportistas do club Flic Flac de ximnasia artística fixo as delicias de todos coas súas piruetas e aspaventos. Todo para gozar dun pequeno e merecido descanso antes de volver aos malabarismos entre adestramentos, concentracións, competicións, clases e exames para seguir crecendo como deportista e como persoa.