DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun proxecto de I+D financiado polo concello ourensán

O Laboratorio de Arqueoloxía avaliará e revalorizará o patrimonio de Xinzo de Limia

Coa participación dun amplo equipo de investigadores da Facultade de Historia do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 16/03/2012

Cada día máis os concellos galegos buscan na universidade un aliado que lles axude a desenvolver todo o seu potencial nun determinado eido. Con esta filosofía de fondo e co obxectivo de avaliar e revalorizar o seu patrimonio arqueolóxico, o Concello de Xinzo de Limia vén de encargar ao Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo a realización dun proxecto de investigación e desenvolvemento. O equipo de arqueólogos ourensáns traballará durante case un ano na catalogación da riqueza patrimonial da localidade e na súa posta en valor, entre outras actividades.

“Os obxectivos que se perseguen neste proxecto de I+D son ambiciosos e procuran dar unha resposta científica e innovadora a unha necesidade cultural do Concello de Xinzo de Limia”, explica Fermín Pérez, coordinador do proxecto xunto a Adolfo Fernández. Con esta finalidade o LAUV-GEAATA realizará un Informe de Valoración Patrimonial dos xacementos localizados nos actuais límites do Concello de Xinzo; traballará na recuperación, actualización, ampliación e mellora da ferramenta virtual ArqueoGenitio, realizada nunha anterior colaboración entre as dúas entidades, e elaborará un proxecto de intervención integral e posta en valor dun xacemento ou dun conxunto de xacementos arqueolóxicos do concello ourensán.

O xermolo da Festa do Esquecemento

Segundo salientan os promotores da iniciativa, nos últimos anos Xinzo de Limia revalorizou unha parte do seu pasado prerromano e romano a partires da Festa do Esquecemento, onde se recrea a chegada ata a marxe esquerda do río Limia-Lethes das lexións romanas no ano 135 a.C. Sen embargo, explican, “a potenciación do pasado romano non foi á par da potenciación e coñecemento rigoroso do patrimonio arqueolóxico desta e doutras épocas que se pode atopar no Concello de Xinzo”. Por esta razón, apunta Adolfo Fernández, “cremos que o concello precisa dun proxecto de I+D que complemente esta oferta cultural lúdica coa recuperación dunha parte do seu rico patrimonio arqueolóxico, para contextualizar o seu pasado histórico dobremente argumentado: nas fontes clásicas e, por suposto, nos xacementos e restos achados”.

Alén do faciana investigadora e cultural, a iniciativa, tendo en conta o contexto económico de crise actual, tamén contempla a análise das posibilidades de converter un determinado xacemento do concello nun recurso cultural activo, xerador de riqueza para a contorna. Ese valor, explican os promotores do proxecto, medirase analizando factores tales como o seu grao de conservación, o tipo de propiedade no que se atopa (pública ou privada), a accesibilidade e o saldo entre o custo da intervención que se podería executar e a posible rendibilidade socioeconómica e cultural que se agardía obter do mesmo.

Oito meses de traballo por diante

O proxecto, que ten un prazo de execución de oito meses, estará codirixido polos doutores Fermín Pérez e Adolfo Fernández. A equipa técnica e investigadora está conformada por catro investigadores de longo percorrido e ligados profesionalmente ao LAUV-GEAATA e completarase coa presenza dun técnico informático que desenvolverá as tarefas relacionadas coa actualización e renovación da ferramenta Arqueogenitio. Ademáis deste persoal básico, a equipa tamén incluirá persoal colaborador auxiliar. A todos eles agárdalles oito meses de intenso traballo nun proxecto que inician con ilusión e moitas expectativas.