DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de experimentación poética Ad Hoc improvisa música e poesía durante 13 horas na Sala X

Un laboratorio creativo baixo os ollos do ‘grande irmán’

A actuación que desenvolven a porta pechada pode verse a través dun televisor ás portas do espazo ex

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 28/05/2014

Ás oito e media da mañá, os cinco integrantes do grupo de experimentación poética Ad Hoc pechaban as portas da Sala X coa idea de non saír do seu interior ata o momento de peche da Facultade de Belas Artes, ás 21.30 horas. Tiñan por diante trece horas para fusionar música e poesía de xeito improvisado nunha actuación que foi presentada como unha “xornada intensiva de creación poético-experimental”. Big Brothers. Filloaldea TV, intimamente pública é o nome deste día de creación compartida sen plans previos, que por primeira vez converteron nun espectáculo televisado, xa que o que acontecía no interior podía verse e escoitarse no monitor instalado ás portas da sala.

Desde hai uns anos, o grupo que conforman Roque Mosquera, Ramón Cruces, Antonio Rivas, Pedro Lamas e Lois Gil vén desenvolvendo un proxecto de “creación compartida sen obxectivos” ao que deron o nome de Filloaldea. Como explica Gil Magariños, os cinco compoñentes de Ad Hoc adoitan reunirse nunha casa para desenvolver un proceso de experimentación artística no que “os procesos de creación son un fin, non un medio”. Por iso, o que para outros podería ser un ensaio, para esta formación é realmente unha produción artística en si mesma, que, como explica Gil Magariños vai máis aló dos límites espaciais e temporais do que sería unha actuación propiamente dita para converter nun “espazo libertario e creativo” o lugar no que se reúnen. “Non facemos o que facemos para xerar logo un produto, o produto é o propio proceso”, salienta Gil Magariños, responsable da voz e da selección poética nestas xornadas de creación experimental. De feito, o resultado deste proceso son horas e horas de gravacións sonoras que logo Ad Hoc somete a “un proceso de escoita e selección colectiva” a través da rede, no que se escollen as cancións improvisadas que posteriormente se ven recollidas nos discos do grupo.

Amizade televisada

Ataviados con monos de limpeza e narices vermellas de paiaso, os compoñentes de Ad Hoc desenvolven na Sala X un proceso creativo que ten como único punto de partida que “a maxia” que xurde cando se reúnen os membros dunha formación que, como recoñece Gil Magariños con humor, “nunca ensaia”. Xunto cos instrumentos, o grupo acode as estas xornadas cunha maleta chea de libros de poesía para que Gil Magariños, “sen ningún tipo de escolla ou traballo previo”, seleccione un volume ao azar e comece a cantar ou recitar sobre a base rítmica que neses intres improvisa o resto do grupo. As proxeccións e outra serie de accións improvisadas completan o concepto de Filloaldea, no que os descansos para xantar, por exemplo, “tamén forman parte do proceso”.

Mais nesta ocasión esta xornada de creación compartida viña acompañada dunha novidade, un televisor na porta da Sala X. Como recoñece Gil Magariños, a amizade entre os cinco compoñentes de Ad Hoc é o principal motor deste proxecto e de aí que, coa idea de poñer en valor esa idea, este grupo optase nesta xornada por ofrecer unha visión irónica “dun fenómeno televisivo que é todo o contrario”, como son ao seu xuízo os programas do Grande Irmán. Así, optouse por proxectar en directo todo o que acontecía no interior da sala, coa idea de que “atraer a atención da xente que pase por alí, para que se deteña e mire o que facemos con interese ou desinterese, igual que miran a televisión”.