DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Fidel Picos pon en marcha un foro para fomentar o debate crítico e razoado

Un laboratorio de ideas ao servizo dunha verdadeira reforma do sistema fiscal español

Os expertos consideran que o actual sistema está moi lonxe de ser eficiente, equitativo e sinxelo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/07/2014

As leis do IRPF e do Imposto de Sociedades sufriron só desde o ano 2007, 33 e 34 modificacións, respectivamente. Pola súa banda, a dedución por vivenda habitual no IRPF foi parcialmente derrogada polo goberno Zapatero en 2011, recuperada retroactivamente polo goberno de Rajoy a finais dese mesmo ano e logo eliminada polo mesmo executivo a partir de 2013. Estes son só tres exemplos que confirman a opinión consensuada entre os expertos de que o sistema fiscal español está moi lonxe de ser eficiente, equitativo e sinxelo e que, polo tanto, precisa dunha profunda reforma, abordada dun xeito integral, máis aló do parcheo dalgúns impostos, obviando outros. O profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Fidel Picos é un dos expertos que desde o ámbito académico reclama “un sistema moito máis simple”, que pasaría pola eliminación de impostos como o de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, ou o Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, coñecido como plusvalía, así como pola supresión nos restantes, de tratamentos preferenciais a certos contribuíntes, “salvo que eses tratamentos teñan unha xustificación clara, que normalmente non teñen”, aclara Picos.

Pero a necesaria reforma do sistema fiscal español, cara a un modelo máis simple, equitativo e eficiente, tamén pasa pola avaliación rigorosa dos efectos dos impostos e os de calquera alternativa de reforma. “O problema é que, cando, por exemplo, un goberno aproba unha dedución, debería xustificala con rigor. Se a dedución se aproba sen xustificación, pensaremos que se fai porque queda ben ou porque beneficia a algún grupo de presión", detalla Picos, que tamén considera “moi negativo” que o Goberno presente as súas propostas por sorpresa tralos Consellos de Ministros dos venres, “considerando innecesario un debate previo e tomando a aprobación polas Cortes, case, como un trámite burocrático”.

A necesidade dun foro permanente de debate sobre fiscalidade

Co obxectivo de fomentar un debate crítico e razoado sobre os impostos e as reformas fiscais, que remate sendo un punto de encontro de expertos e persoas interesadas nestas cuestións, Picos vén de poñer en marcha o Laboratorio Fiscal, “unha ferramenta colaborativa que pretende fomentar o intercambio de opinións, lonxe de posicións dogmáticas e apriorísticas”, explica o docente e investigador da Universidade de Vigo. O Laboratorio está ideado como un foro que permite catro tipos de achegas: reflexións; noticias, que xurdan como comentarios a informacións, que se poden adxuntar no propio foro; artigos, sobre outros traballos académicos ou blogs especializados e cálculos, onde o usuarios achegan cálculos propios que logo comentan.

Tendo en conta os seus obxectivos, esta ferramenta, aínda que aberta a calquera persoa que queira participar, ten uns usuarios e usuarias naturais, “persoas especializadas de diferentes ámbitos: académico, profesional, administrativo ou xornalístico, pero tamén ten lóxica que participen outras persoas con certos coñecementos fiscais”, explica Fidel Picos, autor desta iniciativa, na que conta co apoio doutros compañeiros da Universidade de Vigo e doutras universidades españolas. Precisamente dalgunhas institucións académicas xurdiron outras iniciativas para fomentar o debate sobre a reforma fiscal, tal é o caso do Foro Fiscal del Institut d’Economía de Barcelona, da Universidade de Barcelona, ás que se suman outras postas en marcha pola Fundación Ramón Areces ou por Funcas, Non obstante, todas elas comparten a característica de ter horizontes temporais pechados, algo que non ocorre no caso do Laboratorio Fiscal que se formula como “unha ferramenta de debate permanente, non puntual”, conclúe Picos.

Para acadar o obxectivo de que o debate se leve a cabo de xeito razoado e fundamentado, o foro parte de tres ideas básicas: que poda ser consultado por calquera persoa; que poda participar calquera persoa interesada, rexistrándose gratuitamente sen achegar máis datos persoais que un enderezo de correo electrónico e que as intervencións se publiquen libremente, aínda que loxicamente podan ser moderadas a posteriori, caso de conter insultos ou descualificacións.