DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Axiliza o recoñecemento dos fungos máis comúns en Galicia, diferenciando os comestibles dos tóxicos

O Laboratorio de Micoloxía deseña unha aplicación móbil que identifica 250 especies de cogomelos

Os investigadores desenvolveron tamén unha base de datos en liña con preto de 2000 tipos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/10/2012
Metidos de cheo no outono, os montes galegos comezan a convertese nun paraíso para micólogos e afeccionados que cada ano por estas datas peregrinan ás fragas na procura dos mellores cogomelos. Para evitar sustos, o principal é a información, coñecer as especies que son comestibles, as que son perigosas e, ás veces, as mínimas diferenzas entre unhas e outras. Pero a tradicional axuda dos libros en papel deixa agora paso ás novas tecnoloxías, ás aplicacións para os teléfonos móbiles que permiten in situ e en moito menos tempo saír de dúbidas cos cogomelos. Así, xunto co cesto e a navalla, o teléfono móbil faise un oco na equipa habitual para apañar setas nas fragas e farao grazas á aplicación deseñada polo Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, unha guía para os dispositivos móbiles con sistema operativo Android na que se recolle información sobre as 250 especies de fungos máis comúns en Galicia. A directora do laboratorio, Marisa Castro, explica que o usuario que se atope no monte cun fungo poderá comparar as súas características coas da aplicación a través do teléfono e comprobar a súa especie dun xeito sinxelo. Os investigadores sosteñen que esta aplicación simplifica e axiliza o proceso de identificación dos cogomelos ademais de que evita que os usuarios teñan que levar enriba guías en papel.

O xermolo do proxecto

Segundo Marisa Castro, o proxecto xorde despois de ter publicado a Guía de Cogomelos dos Ecosistemas Terrestres na editorial Baía, na que se inclúen claves de identificación que foran utilizadas durante case 15 anos no laboratorio de Botánica da Facultade de Bioloxía. Xan Bellón foi o encargado de refundir, durante o pasado curso 2011-2012, todos estes datos nunha aplicación, unindo informática e micoloxía. A guía está deseñada para Android e pode descargase de balde dende Google Play. A profesora Castro explica que se trata “dun lector de claves dicotómicas (dúas opcións, das que só unha é válida) para identificar cogomelos e inclúe 250 especies que nacen en Galicia, aínda que a docente subliña que “non é difícil facer logo novas adaptacións” .

Unha base de datos en liña con 2000 especies

Paralelamente a esta guía, o Laboratorio de Micoloxía en colaboración co Grupo Micolóxico Galego deseñou unha base de datos en liña coas máis de 2000 especies de cogomelos identificados en Galicia que permite tamén que, no caso de identificar unha nova especie, esta se inclúa na lista para ser confirmado o descubrimento. Trátase dunha compilación de todas as especies publicadas en Galicia con datos de hábitat, localidade e data de recollida, nos últimos 20 anos e tamén se esixe un número de herbario onde está depositado o material estudado. “De momento esta base aínda non está dispoñible, estamos coas últimas revisións nomenclaturais, xa que nas últimas clasificacións os nomes dos fungos mudaron moito e é necesario actualizalos correctamente”, explica Castro.

O Laboratorio de Micoloxía leva anos traballando no estudo dos fungos e dos seus proxectos teñen xurdido múltiples publicacións e guías de especies, catálogos, informes sobre micoturismo, sobre a distribución por especies, a educación ambiental e o desenvolvemento do rural en relación coa micoloxía e participado en numerosas conferencias e relatorios sobre esta disciplina.

As novas tecnoloxías

A aplicación das novas tecnoloxía a eidos como a micoloxía abre novas portas á investigación e tamén á divulgación. Marisa Castro sostén que estas tecnoloxías “son útiles e complementarias pero non descartan ningunha das anteriores; axudan, pero non permiten prescindir da bibliografía tanto en papel como dixital, para confirmar a identificación dunha especie”. Atendendo dun xeito específico á comestibilidade, Castro apunta que “as cousas son un pouco diferentes, un cogomelo comestible ten obrigatoriamente que ser identificado, sen lugar a dúbidas, a simple vista, non con outros medios como o microscopio, polo tanto este tipo de aplicacións si son útiles e poden axudar a evitar intoxicacións”. A profesora fai tamén un chamamento á prudencia en temporada de cogomelos, e lembra que ante a máis mínima dúbida sobre a especie, o mellor é descartala, “porque todos os cogomelos son comestibles unha vez, pero algúns só unha!!!”.