DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio asinado hoxe entre Zona Franca, o grupo CIMA da Universidade e FEUGA

O Laboratorio Oficial de Reformas de Vehículos cambia o campus por Porto do Molle para seguir medrando

Permitiralle aumentar as súas actividades relacionadas coa homologación de automóbiles

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría e D. Besadío DUVI 05/07/2012
É unha das poucas instalacións en España que conta coa designación de Laboratorio Oficial para a emisión de informes técnicos relativos a reformas de importancia de vehículos de estrada, coas correspondentes acreditacións ISO 17020 e 17025. Desenvolvido para dar acubillo a unha parte das actividades do grupo de investigación CIMA, Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción da Universidade de Vigo, o Laboratorio Oficial de Reformas de Vehículos, CIMALab, abandonará previsiblemente a partir de agosto as súas actuais instalacións da Escola de Enxeñería Industrial para ubicarse nunha nave bioclimática 5E de Porto do Molle en Nigrán. Un cambio posible en virtude ao contrato asinado hoxe entre a delegada do Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa, e Francisco Javier Pereiro, director xeral de FEUGA, Fundación Empresa Universidade Galega, a través da que CIMA abonará o alugueiro das instalacións que suman 1200 metros cadrados de superficie.

“Para nós este cambio de localización é unha oportunidade de futuro que nos permitirá seguir medrando”, asegura José Antonio Vilán, investigador principal de CIMA e vicerreitor de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo. E é que aínda que a actividade actual de CIMALab está centrada na emisión de informes de conformidade de vehículos automóbiles e as súas compoñentes, así como na realización de ensaios, Vilán apunta cara ao ano 2014 cando se producirá a fin da entrada en vigor da actual directiva europea que regula esta actividade, a posibilidade de que o laboratorio poida entón realizar tamén homologacións e non só informes e ensaios. “Isto nos permitiría converternos no terceiro laboratorio de homologación de España, xunto aos de Madrid e Barcelona o que suporía un importante beneficio para os carroceiros galegos que non terían que desprazase fóra”.

En relación coa sinatura do acordo que permitirá a CIMALab trasladarse a Porto do Molle a delegada do Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa incidiu en que “o Consorcio ten unha clara política de apoio aso proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación e o feito de que se instalen en Porto do Molle científicos con alta cualificación e que están acadando a súa madurez produtiva ten unha importancia estratéxica para que a nosa estrutura económica sexa cada vez máis competitiva”, sinalou Teresa Pedrosa. Pola súa banda o director xeral de FEUGA agradeceu a implicación do Consorcio coa investigación “máxime nuns momentos nos que é dificilísimo acceder ao investimento ou ao crédito privado”.

Un laboratorio dentro dun grupo de investigación de referencia

10 investigadores doutores e más de 30 investigadores contratados e bolseiros conforman na actualidade o grupo CIMA que ao longo dos seus 11 anos de vida ten desenvolvido máis de 300 proxectos de investigación, 30 deles na actualidade, entre os que destaca o deseño e construción mecánica do calorímetro' Califa' do novo acelerador de partículas FAIR de Alemaña. Desde os seus inicios en 2001 e ata a actualidade o laboratorio CIMALab, no que desenvolven a súa actividade unha decena de investigadores, permite dar resposta á esixencia de adaptación á nova regulación establecida polas directivas europeas aplicables ao sector automobilístico. Un proceso que implicou o progresivo crecemento do laboratorio ata o punto de precisar unha superficie maior para desenvolver as súas actividades e ampliar o abano de ensaios, ata o punto de que “nos próximos cinco anos se realizará un investimento en maquinaria de arredor de tres millóns de euros”, explica José Antonio Vilán, investigador principal de CIMA.

Despois de buscar un espazo alternativo ao actual no propio campus e non atopalo, a opción de Porto do Molle cobrou forza ao dispor o parque industrial de Zona Franca en Nigrán de naves bioclimáticas que ofrecen unha infraestrutura axeitada para as actividades que desenvolve o laboratorio que ao longo dos anos ten colaborado en numerosos proxectos con empresas e administracións públicas como o Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia.

Ao marxe da emisión de informes e realización de ensaios sobre vehículos automóbiles e os seus compoñentes dos que se encarga CIMALab, o grupo CIMA abrangue un amplo abano de actividades como o deseño e construción de picosatélites como XaTcobeo, Humsat e Femtosat, ou o deseño das grúas principais de cuberta dos portaavións que se están a desenvolver no estaleiro Navantia.