DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurados en Citexvi os 340 metros cadrados que acollen ao persoal do centro

Un laboratorio de referencia da UE en biotoxinas mariñas na futura universidade do mar de Europa

Ten a finalidade de protexer a saúde pública e garantir a seguridade alimentaria aos consumidores

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e M.Del Río DUVI 21/05/2012
Foi en setembro de 2011 cando comezou a súa actividade en Citexvi nunhas instalacións de 340 metros cadrados que este luns foron inauguradas nun acto presidido pola secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, Pilar Farjas. O Laboratorio de Referencia da Unión Europea de Biotoxinas Mariñas é o encargado de coordinar as actividades da rede de laboratorios nacionais de referencia establecidos nos países membros da UE en cuestións relacionadas coa metodoloxía aplicada ao control de biotoxinas mariñas en moluscos. Os seus obxectivos, “protexer a saúde pública e garantir un elevado nivel de seguridade alimentaria aos consumidores”, explica a súa directora e profesora da Universidade de Vigo, Ana Gago que xunto a nove técnicos e auxiliares, integran o persoal do laboratorio.

Un centro cuxa localización formal en Citexvi, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, “fai que hoxe sexa un día feliz para a Universidade que é o epicentro do Campus do Mar e quere ser a universidade do mar de Europa”. Á importancia da sinerxía entre a institución académica e o laboratorio tamén se referiu a secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Ministerio de Sanidade, Pilar Farjas que ratificou a aposta do Goberno central no centro no que confirmou este ano un investimento de 240.000 euros. Pola súa banda o representante da Dirección Xeral de Sanidade e Protección do Consumidor (DG SANCO) da Dirección Xeral da Comisión Europea, Koen Van Dyck, gabou os bos resultados obtidos polo laboratorio nos últimos anos ao tempo que desexou aos seus membros “grandes éxitos nesta nova localización”.
Asignado pola Comisión Europea á Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición que á súa vez encomendou ás tarefas de dirección facultativa á Universidade de Vigo na persoa da profesora e investigadora principal do grupo CI8 de Análise Química de Biotoxinas acuáticas, contaminantes ambientais e alimentarios, Ana Gago, o laboratorio comezou a súa andaina en Vigo no ano 2004 en dependencias da Autoridade Portuaria, ata que no ano 2011 se trasladou ao seu emprazamento actual en CITEXVI.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero; a conselleira de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana; o subdelegado do Goberno en Galicia, Samuel Juarez e a directora executiva da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, Ángela López de Sá, tamén participaron na inauguración do laboratorio á que seguiu o Seminario sobre toxinas emerxentes no que ata o martes participarán investigadores de recoñecido prestixio internacional no ámbito das biotoxinas mariñas, como o profesor Takeshi Yasumoto, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo que impartiu a conferencia inaugural.

Centro de referencia e de excelencia

No acto de inauguración das instalacións do Laboratorio, a secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Ministerio de Sanidade, Pilar Farjas destacou a intensa colaboración desenvolta por todas as institucións relacionadas para sacar adiante este proxecto “nunha cidade eminentemente mariñeira que vive e mira ao mar”. Subliñou Farjas as sinerxías que poden xurdir da localización deste centro no campus universitario e puxo de manifesto que a I+D é imprescindible para “poñer en valor e protexer un mar que xera recursos, emprego e riqueza” .
A secretaria xeral valou moi positivamente que a UE elixise Vigo como laboratorio de referencia para garantir aos consumidores a calidade dos produtos que mercan e remarcou que España está á cabeza de Europa na produción de moluscos cun 40% do total e un 28% da produción mundial. Galicia contribúe de xeito determinante a estas cifras producindo o 95% do molusco nacional “polo que esta designación é máis que xustificada”. Segundo Farjas co investimento de 240.000 euros previsto para este ano, unido á preparación e experiencia “tanto do persoal do centro como da Universidade” garántese que o Laboratorio europeo de referencia de biotoxinas mariñas se converta nun centro de excelencia.

“Nada mellor que a Universidade para chegar á excelencia”, asegurou pola súa banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero que mostrou a súa satisfacción pola consecución “dunha longa demanda da cidade que agora ten recompensa”.

Recoñecemento para a Universidade

O reitor da Universidade de Vigo agradeceu a confianza depositada pola UE e polo Goberno central coa localización do laboratorio na contorna da institución académica viguesa que segundo Mato, “ofrece credibilidade, rigor e independencia, características que fan que a UE nos mire como unha referencia”. Na súa intervención o reitor referiuse á evolución experimentada por Citexvi, onde xa traballan preto de 300 persoas, sen obviar a dificultade duns tempos que obrigan “a ser rigorosos, aínda que sendo austeros tamén se pode crecer”, dixo.

Mentres, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, desexou moita sorte ao persoal do laboratorio”dedicado a garantir a saúde dos consumidores” e manifestou o seu desexo de que día a día se incremente a colaboración entre este centro e o Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño de Galicia de Vilaxoan, instrumento oficial en Galicia para o control da calidade do medio mariño e a aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar.