DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso afonda na “segunda vida” de produtos como o viño

Do lagar ao balneario, do turismo enolóxico ao de benestar

A formación arrancou este mércores en Allariz

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Cultura
DUVI Ourense 26/09/2018

Afondar na vinculación e potencialidades de sectores de produción artesanal en auxe na actualidade, como son o viño, a cervexa e a sidra, co turismo, especialmente co turismo de benestar e o experiencial. Con este obxectivo os días 26, 27 e 28 de setembro celébrase en diferentes espazos das provincias de Ourense e Pontevedra o último dos cursos de extensión universitaria deste ano.

O curso, titulado Turismo de benestar baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, arrancou este mércores no Concello de Allariz e continuará os vindeiros días en Cuntis e A Estrada, entre outros escenarios. “Nesta terceira edición quixemos darlle a este curso un enfoque novo relacionándoo co turismo de benestar e falando de experiencias nas que partes destes produtos tradicionais, como o viño ou a cervexa, son empregados polas súas propiedades en tratamentos estéticos, masaxes, baños ou terapias”, comenta José Antonio Fraiz, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo e coordinador xunto a Noelia Araújo desta actividade.

Segundo explican os responsables do curso, “a produción artesanal de viño, cervexa e sidra está de moda, sendo cada vez máis os interesados non só no consumo destas bebidas senón tamén no coñecemento do proceso produtivo ou no seu uso noutros eidos do turismo, como o termalismo e benestar (viñoterapia ou balnearios de cervexa)”. Xorde así, recalcan, “unha nova oportunidade para o turismo, aparecendo interesados en desprazarse a certos destinos para coñecer de primeira man e involucrarse nestes procesos, actividade que pode ser tamén considerada como turismo experiencial”.

Coñecendo o sector de primeira man

Co obxectivo de que o alumnado, principalmente estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, “interacione directamente cos axentes do sector”, o curso, explica José Antonio Fraiz, mestura sesións en sala, de carácter moi práctico e ofrecidas por profesionais ou investigadores nos temas abordados, con saídas a negocios que traballan nos temas abordados, como as instalacións da cervexaría artesanal Dama Alaricana, o balneario termal de Cuntis, a sidraría Lagar Ribela e a Casa Rural A Pastora. “O que ofrece este curso aos participantes é unha formación específica que non teñen nun grao ou mestrado. É unha experiencia que nas aulas non poden ter xa que van interacionar directamente con axentes do sector”, comenta José Antonio Fraiz.

José Antonio Fraiz foi precisamente o encargado de arrancar este mércores as sesións en sala falando da cervexa como un produto turístico, seguíndolle unha intervención de Darío Conde, xerente de Dama Alaricana, sobre o seu traballo no eido da cervexa pero tamén da cría de bois e a restauración. As intervencións continuarán os vindeiros días, coa participación, entre outros, de Francisco Javier de la Ballina, ex-director de Turismo da Comunidade Autónoma de Asturias, que falará sobre a súa experiencia arredor do turismo relacionado coa sidra.