DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proba é clasificatoria para o Campionato do Mundo Universitario

O Lago Castiñeiras e as rúas do casco vello de Pontevedra acollen esta fin de semana o I Campionato Universitario de Orientación

Con máis de 145 participantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 08/05/2008

Dentro dos proxectos da candidatura de Vigo á Universiada de 2013, o Servizo de Deportes trae esta fin de semana a Pontevedra o I Campionato de España Universitario de Orientación, unha iniciativa sen precedentes que “de algún xeito pon de manifesto a boa sintonía que existe entre a Universidade e as autoridades civís”, segundo comentou o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, no acto de presentación do evento. A proba, que acadará este ano unha gran expectación e relevancia por ser unha fase clasificatoria para o Campionato do Mundo Universitario que se celebrará en Tartu (Estonia) do 29 de xullo ao 2 de agosto, desenvolverase nas categorías de homes e damas e estará composta por tres probas: unha carreira de distancia media, outra de distancia longa e unha sprint. As dúas primeiras terán como escenario o contorno do Lago Castiñeiras, pertencente ao concello de Marín, os días 10 e 11 de maio pola mañá e a carreira sprint celebrarase nas rúas do barrio histórico da cidade de Pontevedra, o sábado día 10 a partir das cinco da tarde.
Acompañado polo tenente alcalde de Marín, Manuel Ruibal Pardavila, o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, e o responsable de Orientación da Universidade de Vigo, José Luis Armada, na presentación da actividade tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen lembrou que “o feito de que unha parte da carreira se celebre no casco vello é algo excepcional, xa que ao mesmo tempo que se fai deporte pódese apreciar un grandioso percorrido histórico”, comentou na Casa das Campás.

Unha elevada participación

O evento contará cunha alta participación xa que reunirá a un total de 145 deportistas, 64 na categoría de damas e 81 na de homes, de 34 universidades de toda España. A institución viguesa estará representada por catro profesionais, tres na categoría masculina e unha na feminina, todos eles con experiencia en anteriores edicións do campionato e entre os que destaca a figura de Martín Pazó.
Na categoría de damas destaca especialmente Esther Gil, de Alicante, actual campiona de España absoluta e unha das corredoras con máis opcións de vitoria, xunto a Ona Refolls, da Universitat de Barcelona, e Alicia Gil, tamén de Alicante. Na categoría masculina parten como favoritos Daniel Portal, da Universidade de Extremadura e Emili Selles, da Politécnica de Valencia, mentres que Néstor Rico, da Universidade de Alicante, podería ter opcións na proba de longa distancia. En canto á representación galega, o corredor da Universidade da Coruña, David Casado, é o que conta con mellores expectativas de acadar unha boa clasificación final.

Unha disciplina deportiva que require forza e estratexia

Unha das principais curiosidades da proba que se desenvolverá esta fin de semana en Pontevedra é que non existe un recorrido fixo, senón que “os propios deportistas van escollendo o camiño en función da estratexia que queiran seguir”, segundo explicou o responsable de Orientación da Universidade, José Luis Armada. Ademais, como experto na materia, Armada comentou que as principais habilidades coas que debe contar un bo profesional da orientación son axilidade, capacidade de decisión inmediata, facilidade de memorización e un bo fondo físico.