DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O VII Curso de Interpretación e Creación Literaria comeza o día 2 de marzo

Lápiz, papel e creatividade como ferramentas para aprender a narrar

O escritor Xosé Carlos Caneiro vai ser o encargado de impartir as clases

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 22/02/2010

Di o escritor Xosé Carlos Caneiro que o gran patrimonio deste país é a cultura e que ese peso séntese dun xeito especial en Ourense por ser, nas súas palabras, “a gran cidade literaria de Galicia”. Na mesma liña exprésase o profesor de Lingua e Literatura Galega, Ramón Gutiérrez que fai un pequeno percorrido dende o século XIX ata os nosos días para traer á memoria a escritores da talla de Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Carlos Casares, entre outros moitos creadores literarios. Caneiro e Gutiérrez son o profesor e o director, respectivamente, da sétima edición do Curso de Interpretación e Creación Literaria, unha iniciativa que se desenvolverá entre o 2 de marzo e o 14 de maio no campus e que está aberta tanto aos membros da comunidade universitaria como á sociedade en xeral. As clases serán os martes e os xoves pola tarde, unhas horas que os estudantes poderán convalidar por 6 créditos de libre elección. Os obxectivos son varios e van dende comprender as características da linguaxe literaria e a súa singularidade como forma específica de coñecemento ata adquirir ou recuperar o pracer da escritura como expresión creativa.

Actividade consolidada e ben recibida polo alumnado

O Curso de Interpretación e Creación Literaria é froito dun convenio entre a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense e presentouse este luns no salón de graos do Edificio de Ferro no transcurso dun acto ao que asistiron representantes de ambas as dúas institucións así como o director e o profesor da actividade. O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, subliñou da actividade o feito de tratarse dunha iniciativa consolidada “que ten unha moi boa acollida por parte do alumnado e que conta cun profesorado de calidade”. O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, pola súa banda, fixo especial fincapé no compromiso do Goberno municipal coa Universidade “porque entendemos que é moi necesaria unha maior integración do ámbito académico coa cidadanía”. Lembrou o alcalde que Ourense é unha cidade literaria “cunha profunda historia dende a Xeración Nós ata os nosos días” e cualificou de “moi positiva” a organización e posta en marcha de iniciativas que teñan á literatura como fío condutor.

Os piares do curso: interpretación e creatividade

Para o escritor Xosé Carlos Caneiro a literatura hai que sacala á rúa “como unha realidade permanente dentro da formación intelectual e humana”. O Curso de Interpretación e Creación Literaria que vai impartir no campus persegue este obxectivo a través de dous módulos: a interpretación do texto, por unha banda. e o desenvolvemento da creatividade pola outra. Caneiro comezará as sesións falándolles aos estudantes da singularidade da linguaxe literaria para continuar coa narrativa e a lectura e a interpretación dos motivos narrativos. A partires de aí o alumnado xa estará en condicións de facer prácticas de creación literaria con propostas de escrita que irán dende o retrato e a descrición ata o diálogo, a creación de conflitos e a construción de personaxes, entre outros aspectos.

A imaxinación como preludio de acontecementos históricos

Antes de que a tecnoloxía e a astrofísica fixeran posible que Neil Armstrong puxera o seu pé na lúa, o escritor Xulio Verne xa imaxinara estes acontecementos e os plasmara no seu libro Da Terra á Lúa. “A literatura ofrece un amplo coñecemento do mundo e do ser humano e de aí a súa importancia nos estudos universitarios”, subliñou o profesor Ramón Gutiérrez para facer fincapé na importancia de levar adiante un curso destas características no seo da institución académica. O profesor da iniciativa, Xosé Carlos Caneiro, cualificou a docencia deste curso como unha das experiencias máis gratas do seu traballo “porque levamos a literatura ao templo do saber, a Universidade” e defendeu a necesidade de que a creación literaria estea “viva e presente” nos programas das materias. O escritor afirmou tamén que a literatura “é fundamental para a formación cultural da cidadanía” e subliñou a aportación deste curso ao alumnado universitario. “En Galicia temos agora mesmo o potencial cultural máis importante que existe en España tanto dende o ámbito musical como o literario ou o artístico. É necesario que creamos nese potencial e para iso é fundamental mimar máis a educación”, declarou.