DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representará a Galicia no Certame Nacional de Novos Deseñadores

Laura Otero gaña Debut 2012 coas súas princesas conxeladas

A mención especial do xurado recaeu en Noemí López e Javier Nogueira recibiu o premio Desigual

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 23/11/2012

Foi unha noite “xeada”. A colección de Laura Otero inspirada na historia de tres princesas siberianas atopadas conxeladas logrou convencer ao xurado de Debut 2012 liderado nesta sexta edición polo reputado deseñador Elio Berhanyer. Aínda que todo o Pazo da Cultura vibrou e aplaudiu con cada unha das propostas presentadas polo alumnado de último curso de Esdemga, Estudos en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, Otero alzouse co primeiro premio da noite o que a converte na representante galega no Certame Nacional de Novos Deseñadores, a petición da Asociación de Novos Deseñadores de España que formaba parte do xurado que decidiu outorgar a mención especial a Noemí López e á súa aposta pola temática africana. Ambas recibirán unha dotación económica para ampliar os seus estudos da man da marca Jesús Peiró, “patrocinador desta edición e importante colaborador con esta titulación”.
Os máis de 1500 asistentes puideron contemplar en vivo e en directo os estilismos propostos polos estudantes “que son os futuros xenios deste sector”, que estiveron arroupados en todo momento polos seus familiares pero tamén polos principais representantes da cidade, que non quixeron perderse unha das unha das citas máis importantes co novo talento no deseño de moda, como a vicerreitora do campus pontevedrés, Antonia Blanco, ou o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

“Quedei xeada”

A gañadora desta nova edición de Debut, Laura Otero, confesou sentirse sorprendida polo premio e agradeceu ao xurado a confianza depositada. “Estou que non mo creo. Quedei xeada como as que inspiraron a miña colección”, comentou a nova deseñadora tras recibir o galardón da man de Elio Berhanyer. Otero presentou a colección Real belle dolls, que nace dunha historia de tres princesas de Siberia que sufriron un naufraxio e que foron atopadas nun bo estado de conservación pola conxelación que mantivo intacto “todo o preciosismo” que as envolvía. A deseñadora plasmou este suceso na pasarela cunha proposta feminina de vestidos en tons claros adornados de bordados e flocos cunha patronaxe inspirada nos traxes da época dos zares romanov. O uso de seda, grandes tocados, encaixes, veos, flores artificiais foi frecuente en todos os seus estilismos que tamén foron ornamentados con estampados feitos a man.

Pola súa banda, Noemí López, que se alzou coa mención especial do xurado, mostrou unha “auténtica recreación” do ambiente africano e salvaxe tomando como punto de partida o descubrimento do nacemento do río Nilo nunha das expedicións polo continente. A estética dos safaris estivo presente en toda a súa colección, recorrendo a materiais como o lino e o algodón, a cores claras e pálidas con ornamentos e estampados tribais.

As demais propostas do alumnado de último curso tamén recibiron o recoñecemento e os aplausos do público. Entre elas foron comúns as alusións á música, ao cine, ao espectáculo, á literatura e ao exotismo doutras culturas, cunha gran variedade de cores e texturas, que ían dende materiais naturais ata o uso de composicións máis sintéticas e artificiais. O cosido a man, os grandes estampados, arriscados complementos plasmados en interminables tacóns ou en sombreiros inimaxinables tampouco faltaron, enchendo de maxestosidade unha noite na que a canteira de Esdemga “brillou con luz propia”.

O ‘mestre Berhanyer’ dedicou ao alumnado protagonista deste Debut 2012 unhas palabras de recoñecemento por todo o esforzo e dedicación amosado na pasarela. “Nos meus 67 anos no mundo da moda puiden visitar coleccións e asistir a desfiles de todo o mundo, pero nunca vivín unha noite tan máxica como esta”, destacou Elio Berhanyer ao final do certame.

Premio Desigual

Ademais dos dous galardoados polos seus traballos fin de estudos, Javier Nogueira tamén se converteu en protagonista do desfile ao ser o escollido pola marca Desigual tras unha colaboración de todo un ano entre a marca barcelonesa e Esdemga co fin de achegar o alumnado á realidade do mercado da moda. Os participantes presentaron na tarde do mércores as súas propostas nun pase privado ante representantes da marca do que saíu gañador Nogueira por seguir unha liña de creación moi afín e captar “á perfección” a esencia de Desigual. Ademais dunha dotación económica de 1200 euros, “cabe a posibilidade de que realice prácticas profesionais na sede central da marca en Barcelona”, engadiu Lola Dopico, directora da escola.

O certame contou con tres pases máis. O desfile comezou cunha selección de traballos de segundo curso, de carácter experimental, que homenaxearon á centenaria xoiaría Tiffanys presentando estilismos inspirados en ladróns de diamantes, en mineiros...Tamén houbo unha atención especial “para o típico vestido negro que todas temos de fondo de armario” que levou aos alumnos e a alumnas a presentar un pase moi heteroxéneo tematicamente, con referencias á Divina Comedia de Dante ou ás Teddy girls dos anos 50. Pechou a noite unha colección da marca Poti Poti presentada por un dos seus creadores, Nando Cornejo, que deseñou ex profeso varios estilismos para a pasarela Debut. De xeito paralelo ao desfile tamén se celebrou unha exposición das mellores ilustracións e bosquexos feitos por alumnos e alumnas de Esdemga.