DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escolares do centro expuxeron no campus traballos sobre as deusas gregas

Unha lección de historia antiga a cargo de alumnado do CPR Padre Feijoo Zorelle

No marco do proxecto Tendendo Pontes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/06/2019

Baixo o título Tendendo Pontes, a Facultade de Historia do campus de Ourense puxo en marcha en febreiro un proxecto piloto destinado a fomentar os lazos co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, especificamente con estudantes do CPR Padre Feijoo Zorelle. Este martes a iniciativa chegou ao seu fin coa exposición no campus por parte dos escolares dos traballos que realizaron no marco deste proxecto sobre as deusas na antigüidade e dos diferentes ritos e ofrendas.

Segundo lembrou Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do campus, o proxecto naceu no marco das iniciativas do seu centro por espertar o interese polos estudos de Historia entre o alumnado preuniversitario e polo seu compromiso de establecer lazos coa contorna. A colaboración arrancou coa visita das e dos escolares de primeiro e cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria ao campus, logo Susana Reboreda e Julio de Prada, profesores da Facultade de Historia, ofreceron no colexio sendas conferencias sobre as deusas na antigüidade no primeiro caso e sobre a represión do profesorado durante o franquismo no segundo. Finalmente as e os escolares elaboraron traballos en grupo sobre os temas abordados que no caso do alumnado de primeiro da ESO expuxeron este martes no campus.

Unha experiencia positiva

“A verdade é que foi unha experiencia moi boa. Estamos encantados. É unha forma de valorizar unha vez máis as humanidades en xeral e a historia en particular, vinculándoo tamén á visibilización da muller. Tamén é unha vía para que a Universidade saia fóra e que o alumnado preuniversitario veña ao campus”, comentou Susana Reboreda no peche do proxecto, ao que tamén se uniu Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Sobre as e os participantes, a decana salientou como “foron moi receptivos, conseguimos conectar moi ben” e sobre os traballos realizados indica como “quedeime gratamente sorprendida, vese que se esforzaron e que ampliaron os seus coñecementos”.

Segundo explicou Beatriz Nieto, egresada da Facultade de Historia do campus e profesora do CPR Padre Feijoo Zorelle, “os rapaces comentáronnos que lles gustou moitísimo participar, que queren repetir o ano que vén”. Así, a profesora salientou como as e os escolares “aprenderon moito e perderon a vergonza a falar en público, algo moi necesario na súa formación”. Beatriz Nieto tamén apuntou no peche como os traballos que elaboraron as e os escolares están “moi ben, superando as expectativas para traballos de estudantes de primeiro da ESO”.