DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alex Ferradás achegouse este luns ao campus a ofrecer a I Xornada Super-Acción

Unha lección en primeira persoa do que supón a diversidade funcional

A iniciativa do Gabinete Psicopedagóxico ten como obxectivo fomentar a integración deste colectivo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/03/2017

Cada día son máis as persoas con algún tipo de diversidade funcional que estudan no campus de Ourense. Co obxectivo de que os diferentes membros da comunidade universitaria poidan relacionarse con este colectivo en equidade, o Gabinete Psicopedagóxico do campus puxo en marcha este luns unha serie de actividades que terán como obxectivo visibilizar as necesidades destas persoas e contribuír á súa integración fóra e dentro das aulas. A primeira das iniciativas, chamada I Xornada Super-Acción, correu a cargo de Álex Ferradás, persoa dependente dunha cadeira de rodas dende o ano 2006 e un dos fundadores do proxecto Working Wheels.

“Na comunidade universitaria do campus de Ourense hai cando menos 40 persoas con algún tipo de diversidade funcional. Cando deseñamos para eles os plans de atención individualizada e falamos con docentes e alumnado para a súa integración fanos chegar en numerosas ocasións a súa preocupación pola falta de formación específica para relacionarse correctamente con este colectivo. De aí nace a idea de levar a cabo estas xornadas”, explicou Isabel Ferreiro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense. No marco desta iniciativa, apuntou, convidarase tanto a persoas de dentro da comunidade universitaria como de fóra dela “a contar os seus problemas, como lles podemos axudar, que é o que precisan”. Estas actividades, recalcou a psicopedagoga, permitirán tamén aos membros da comunidade universitaria traballar aspectos “tan importantes na vida académica e profesional como a superación, o traballo en equipo ou a adaptación”.

Superando as barreiras mentais e físicas

Para inaugurar estas actividades, Alex Ferradás achegouse ao Edificio de Ferro a ofrecer unha charla na que, baixo o título I Xornada Super-Acción, falou da súa historia persoal e dos retos da visibilización das persoas con diversidade funcional. No seu caso, explicou, a súa vida mudou cando con 22 anos e a raíz dun accidente laboral quedou tetrapléxico, quedando só cun 15% de mobilidade que lle obriga a depender doutras persoas para a súa vida cotiá. “O obxectivo desta xornada é achegarlle ao alumnado universitario o día a día dunha persoa con discapacidade, os problemas que temos na vida cotiá, e rachar así prexuízos e barreiras”, recalcou Ferradás. As persoas con diversidade funcional, subliñou, “podemos facer cousas, cousas como os demais e cousas extraordinarias”. Como exemplo pon o seu caso e como dez anos atrás, antes do accidente, “nunca imaxinei que podería facer todo o que levo feito neste tempo”. Para acadalo, apuntou, o importante é ser conscientes de que “con esforzo conséguese todo”.

Durante a charla, Alex Ferradás falou do proxecto do que é un dos fundadores Working Wheels, un proxecto que traballa pola accesibilidade e a integración realizando diferentes actividades e que conta cun equipo afeccionado que afronta retos deportivos diversos, como participar nunha maratón ou probas de natación. Dende 2016 forma parte tamén do proxecto Enki, que persegue a total inclusión de deportistas con diversidade funcional en eventos deportivos. “Segue habendo moitas barreiras físicas, de accesibilidade, pero as maiores barreiras ás que nos enfrontamos as persoas con discapacidade son as mentais. As persoas teñen que ser conscientes de que as persoas con diversidade funcional estamos tan capacitados como as demais, temos limitacións pero temos iguales ganas de facer cousas. Por iso traballamos, pola igualdade e a integración”, subliñou. Durante a sesión, as persoas asistentes realizaron unha serie de actividades con cadeiras de rodas e coa "handbike" de Ferradás para entender as dificultades que afrontan persoas coma el.