DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolle por segunda vez un curso de iniciación á escalada en rocódromo

Leccións que miran cara as alturas

Inserido no programa de obradoiros da Vicerreitoría, é impartido por técnicos deportivos en montaña

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 07/05/2018

Dotar ao alumnado, partindo desde cero, dos coñecementos básicos para que poidan iniciarse con autonomía e seguridade na escalada deportiva é o obxectivo central do curso de iniciación á escalada en rocódromo que, no marco da programación de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle neste cuadrimestre por segunda vez. Coas súas quince prazas cubertas de novo, este curso de 30 horas busca así mesmo achegar ao alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, maioritario entre as e os participantes, a unha disciplina que pode converterse nunha oportunidade de traballo para eles, “debido a que cada vez hai máis rocódromos en Galicia e ao uso desta actividade en campamentos de verán, así como de ecoparques de aventura que ofertan esta actividade”, como salienta a profesora Águeda Gutiérrez, coordinadora xunto a Diego Alonso do curso que se desenvolve desde abril no rocódromo desta facultade.

De carácter fundamentalmente práctico, este obradoiro ten como docente principal a José Juan Domínguez, técnico deportivo en montaña e escalada, guía nacional de escalada en rocha, director da escola deportiva de escalada do Club Montañeros de Aromon Pontevedra e responsable de tecnificación en escalada da Federación Galega de Montañismo, e conta tamén coa participación do técnico de Deportes do Concello de Pontevedra, técnico de montañismo e director da Escola Galega de Alta Montaña, David Pérez Araujo. “Nestes últimos anos, a escalada estase dando moito a coñecer entre a xuventude en xeral e tendo en conta que estará presente nas próximas Olimpíadas, cabe pensar que aumentará moito a súa práctica nos próximos anos”, salienta Domínguez, recoñecido como deportista galego de alto nivel e con numerosos premios pola súa traxectoria deportiva, da disciplina que centra un obradoiro que conseguiu “completar o seu número de prazas moito antes de que finalizase o prazo”, como sinala Gutiérrez, que nese senso pon de relevo o positivo desta iniciativa, que celebrou a súa primeira edición o pasado cuadrimestre. Nese senso, a coordinadora deste obradoiro á hora de completar a formación do alumnado, no caso dos estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, pero tamén, no caso dos estudantes doutras titulacións “como promoción dun estilo de vida saudable”, xa que “coñecer e practicar un deporte que lles motive e no que o pasen ben pode facer que volvan crear hábitos de actividade física”.

Así mesmo, Gutiérrez tamén pon o acento, como un dos aspectos “máis gratificantes” desta segunda edición, no feito de que a metade das persoas participantes sexan alumnas, “algo que nesta disciplina deportiva é inusual”, dado que o número de homes que a practican é moi superior ao de mulleres, “un 70% fronte a un 30% aproximadamente”.

A principal aprendizaxe é cos pés no chan

Mantendo o mesmo esquema e contidos que na súa anterior edición, os responsables deste obradoiro buscaron desta volta “incidir aínda máis nos aspectos de seguridade, como a importancia de non comezar a escalar sen ter feito previamente un bo chequeo entre compañeiros”, sinala Gutiérrez dunha actividade que tras familiarizar aos e ás asistentes con seguros, as presas e materiais como cordas, arneses e mosquetóns, ten o seu foco principal en todos os aspectos que, antes de iniciar a escalada, deben ter en conta tanto a persoa que vai ascender polo rocódromo como o “asegurador”, a persoa permanece en terra. “Os cursos de iniciación están estruturados en diferentes temas e, sobre todo, o meu papel principal é abordar os referidos á progresión e todo o relacionado coa seguridade, sen dúbida, un dos apartados máis importantes en cando a aprendizaxe e no que os alumnos deben aprender a ser moi responsables coas súas accións”, engade nese mesmo senso Juan José Domínguez dun deporte que, seguidos todos estes pasos é, recalca, “totalmente seguro”.