DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O lecer dos nenos a través dos seus ollos, na mostra "Cousas da Infancia"

A exposición fotográfica inaugurarase o 3 de decembro no Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 27/11/2008

A que dedican os nenos e nenas o seu tempo de ocio? Cales son os seus xoguetes favoritos? A estas e outras preguntas intenta respostar a mostra Cousas da Infancia. A través de 60 fotografías podemos botar unha ollada as cousas dos nenos e das nenas, aos seus amigos e aos protagonistas dos seu tempo de ocio. O proxecto, que se realiza ao abeiro da Cátedra da Infancia da Universidade de Vigo e que conta coa colaboración do Observatorio Galego da Infancia, partiu da idea inicial de amosar como están expostos ás marcas publicitarias os rapaces.
Traballando nesta liña, os investigadores, Jorge Lens, Alberto Dafonte e Jesús Pérez, decidiron desenvolver unha actividade didáctica con nenos de entre 6 a 12 anos, “idades nas que se comeza a xestar unha percepción do ocio e do consumo”, comentou Pérez. Os rapaces, convidados a participar no proxecto, foron provistos de cámaras fotográficas e ensinóuselle o seu manexo, a cambio eles realizarían 20 instantáneas, “cinco nas que aparecesen os seus mellores amigos co seu xoguete favorito e as outras 15 retratando os seus momentos de ocio”, explicou Pérez.

Finalidade da mostra

Con esta actividade pretendíase por un lado “coñecer o grado de integración das marcas publicitarias na vida da infancia e, por outro, que os nenos tivesen unha toma de contacto co mundo da fotografía”, dixo o investigador. Das case 2000 fotos que obtiveron, xurdiu a mostra Cousas de Infancia que se poderá visitar a partir do mércores 3 de decembro no Edifico de Ferro.
A través das imaxes, os investigadores puideron comprobar que “non hai unha excesiva presenza das marcas entre os nenos”, engadiu Pérez; sen embargo, amósannos a mirada inocente da infancia, 60 puntos de vista distintos para reflexionar sobre “cal é a relación dos nenos coa sociedade de consumo na que viven”, concluíu Pérez.