DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escritora Rosa Regás nos "XX Encontros Literarios":

"A lectura convértenos en creadores"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 03/02/2010

Rosa Regás empezou a escribir moi tarde, con case 50 anos e os seus fillos maiores e independentes. A súa novela Azul, Premio Nadal no 1994 e da que se venderon once edicións de 10.000 exemplares no primeiro ano, abriulle as portas ao gran público. Colaboracións en medios de comunicación e outras publicacións entre as que se atopan Luna Lunera, do ano 1999 e La canción de Dorotea, do 2001 e coa que gañou o Premio Planeta, constitúen só unha pequena parte da traxectoria profesional desta escritora que sabe combinar o seu traballo como creadora literaria co desempeño de cargos institucionais como o de directora xeral da Biblioteca Nacional, no ano 2004.
Na figura de Rosa Regás xúntanse creación, literatura e compromiso e precisamente foron estes tres piares os utilizados pola escritora para argallar a conferencia que ofreceu este martes no Liceo dentro dos XX Encontros Literarios. A poñente revelou cal é o proceso de creación no escritor e tamén no lector porque, segundo asegurou, “a lectura convértenos en creadores”. Falou das vantaxes da lectura e do compromiso que está presente en moitas obras literarias e defendeu a necesidade de potenciar a cultura e o coñecemento como condición indispensable para que o mundo avance.

A imaxinación e a fantasía, ferramentas do escritor para manipular a realidade

Rosa Regás falou dende a súa propia experiencia para explicar o proceso de creación que se dá no escritor. “O que facemos os escritores non é inventar se non entrar dentro de nós mesmos, utilizar a memoria e a experiencia para sacar un acontecemento e manipulalo coa axuda da imaxinación e da fantasía”. Celos, angustias, tenruras… todo o que estes creadores viviron ao longo da súa vida pasa deste xeito a formar parte dunha historia literaria que o seu autor moldea ata conseguir un argumento. Cando ese traballo chega ao lector este engádelle memoria, intelixencia e experiencia ao texto que está lendo. Segundo Regás, “a lectura é un pracer activo. O que fai o lector é volver a recrear porque lle pon cara aos personaxes, intensidade aos conflitos e constrúe a súa propia paisaxe seguindo as características que lle dá o escritor”. Por todo iso a escritora defendeu que “a lectura convértenos en creadores” e subliñou dúas vantaxes desta realidade. A primeira delas é “o profundo pracer que da a lectura, coa que conseguimos unha especie de plenitude que nos axuda a multiplicar os nosos talentos”. A segunda atópase na capacidade de mirar a vida dende o punto de vista doutras persoas. Regás cualificou de “fundamental” esta segunda calidade da lectura “para saír do pequeno mundo no que vivimos, que nos fai crer que os demais non importan e que nos permite tamén ser máis comprensivos”. O libro axúdanos a ver a vida dende diferentes puntos de vista e isto, en opinión de Regás, “contribúe a que nos vaiamos formando o noso propio criterio e non converternos así en escravos mentais”

A necesidade de compromiso e a importancia da cultura e do coñecemento

A conferenciante referiuse tamén de compromiso afirmando que “a opción do compromiso é sempre unha opción persoal que necesita unha visión do mundo dende moitos puntos de vista e con criterio”. No seu caso asegurou que “nunca pensei ser unha escritora comprometida pero funme dando conta de que nas miñas novelas si hai compromiso”. Puxo como exemplos as súas obras Luna Lunera, “na que hai un compromiso de búsqueda da verdade” e La canción de Dorotea, “na que hai unha denuncia da corrupción”. Con todo, subliñou que “as historias que contamos son as nosas propias historias, o mundo visto pola nosa mirada e esa mirada pode ser ou non comprometida”. Regás rematou a súa intervención defendendo a necesidade de compromiso de toda a sociedade e a importancia que xoga a cultura e o coñecemento para o avance da humanidade. “Converternos en creadores tería que ser un obxectivo para ser felices”, declarou.
Os XX Encontros Literarios son unha actividade organizada pola sección de Literatura do Liceo e a Vicerreitoría do campus que se está a desenvolver ao longo desta semana na aula de cultura do Liceo. A última conferencia programada será este mércores, 3 de febreiro, data na que a escritora Luísa Castro falará sobre As verdades da escritura.