DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor, Salustiano Mato, cualificounos como "a xeración máis formada da historia de Galicia"

Ledicia e morriña na graduación de 184 estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O conselleiro de Educación amosou a súa confianza no traballo que van desenvolver estes novos profes

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 16/07/2010

Unha boa dose de nerviosismo, moita ledicia e un chisco de morriña son os sentimentos que acompañaron aos 184 estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que se graduaron este venres no transcurso dun acto multitudinario no Auditorio. Os 42 alumnos e alumnas da Diplomatura en Turismo, os 88 da Diplomatura en Ciencias Empresariais e os 54 da Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas gozaron dun merecido recoñecemento da comunidade académica ao seu esforzo ante a atenta mirada de familiares e amigos. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, dirixiuse a eles cualificándoos como “a xeración máis formada da historia de Galicia” e depositou o futuro nas súas mans. Nas súas palabras, “o futuro é voso e tedes que soltar amarras. Ides navegar nun mar tan bravo que non se coñecen ondas tan fortes dende a segunda Guerra Mundial, pero estou seguro de que seredes quen de levantar o país”, afirmou.

Unha liña de declaracións compartida polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que definiu a situación actual sinalando que “nunca como agora se viviu un escenario de caída tan acusada nos ingresos públicos e de derrubamento tan intenso da actividade económica”, e que amosou a súa confianza no traballo que van desenvolver estes novos graduados, “que contribuirá a que Galicia gañe posicións nun escenario competitivo e esixente”, declarou.

“Buscade un traballo do cal vos poidades namorar”

Especialmente emotiva foi a intervención de María Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que valorou moi positivamente o esforzo investido polos estudantes para acadar o título universitario e que os animou a seguir traballando na nova etapa que agora comezan. “A vida laboral é ben distinta da vida universitaria. Procurade namorarvos do traballo que realicedes ou, mellor aínda, buscade un traballo do cal vos poidades namorar, un que non deixariades incluso se alguén vos pagase o dobre por facer outra cousa”, afirmou. Ao acto asistiron tamén María Lameiras, vicedecana do campus e Francisco Rodríguez, presidente da Confederación Empresarial de Ourense.

De seguido, a comunidade académica rendeu unha homenaxe ao empresario ourensán Manuel Rodríguez de la Fuente, falecido recentemente. A laudatio correu a cargo do profesor Santiago Lago, que lembrou a súa traxectoria profesional “como un exemplo de que é posible chegar ao máis alto partindo dende abaixo e nunha empresa de Ourense”, e que subliñou a súa implicación coa Universidade, “demostrando que a colaboración entre empresa e universidade é rendible dende o punto de vista social e empresarial”, declarou.

Un percorrido pola carreira da man dos estudantes

Beatriz Losada, da Diplomatura en Turismo; Gustavo Iglesias, da Diplomatura en Ciencias Empresariais e Alba López, da Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas amosaron o sentir dos seus compañeiros de promoción nunha amena intervención na que fixeron un percorrido polos anos de carreira e na que revelaron sentir “unha mestura de sentimentos, moita ledicia e un chisco de morriña”.

Con eles os padriños das respectivas promocións: Coloma Viudez, Pablo de Carlos Villamarín e Roberto Carballo que os animaron a afrontar esta nova etapa profesional “con ilusión e constancia”. Roberto Carballo lembrou na súa intervención as figuras de Eduardo Barreiros e de Eulogio Gómez Franqueira como exemplos de empresarios que comezaron a súa andaina profesional en tempos moi difíciles e que conseguiron saír adiante con traballo e esforzo. O premio extraordinario de fin de carreira correspondeulle á alumna Rebeca de la Rosa, que recibiu o recoñecemento de mans de Ángel Pascual, do Colexio de Economistas de Ourense.

Ramón Otero Pedrayo dicía que nas novas fornadas da Universidade está a enerxía catalizadora do presente e maila semente do futuro. O conselleiro de Educación lembrou este pensamento de Otero Pedrayo para dirixirse a estes 184 novos graduados e para amosar a súa confianza no futuro destes novos profesionais, “sabendo que a aprendizaxe non conclúe agora, senón que se prolongará ao longo de toda a vida”, declarou. O reitor Salustiano Mato, pola súa banda, animounos a seguir mantendo unha formación permanente e continua, “porque este é o segredo para progresar”, propúxolles incorporar o elemento da innovación na dirección e na administración de empresas, “porque isto é crear futuro” e invitounos a pensar nese futuro “en Ourense”.