DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade organizou unha sentida homenaxe ao alumno falecido en maio de 2011

A lembranza de Guillermo de Oca estará para sempre en Ciencias da Educación e do Deporte

O reitor e os seus pais descubriron unha placa no seu nome no rocódromo do centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/11/2013

Estaba a punto de licenciarse e así tería sido si non tivera tido lugar aquel fatídico accidente. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte rendeu este venres unha sentida homenaxe a Guillermo de Oca Montero, alumno de Ciencias da Actividade Física e do Deporte falecido en maio de 2011 cando facía barranquismo en Mondoñedo. Non faltou ninguén a esta cita: os seus pais, a súa familia, os seus compañeiros… tamén os seus profesores, a decana, a vicerreitora e o reitor.

Para todos foi un día especial, “que trae a nós sentimos de tristura pola lembranza que a perda de Guillermo provocou e segue a facelo en todos nós”, subliñou con fondo sentir a decana do centro, Francisca Fariña, quen, sen embargo, quixo quedarse co positivo das cousas “para seguir adiante” e, que máis positivo que o labor da súa familia, “porque o noso alumno, compañeiro, amigo… non tería sido tal como era se non fora por serdes vós, os seus proxenitores, tal como sodes”.

Rocódromo Guillermo de Oca

“A esencia de Guillermo permanece e permanecerá para sempre aquí”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, intres despois de descubrir unha placa coa que o rocódromo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte pasará para sempre a chamarse Rocódromo Guillermo de Oca Montero, “un xeito sinxelo co que amosar o noso cariño colectivo e tamén co que lograr que a súa esencia permaneza para sempre neste centro”, recalcou Mato.

Persoa solidaria, educada e discreta, traballador constante e eficaz.... foron moitos os cualificativos que se escoitaron neste acto en recordo de “Guille”, como cariñosamente se referiu a el Carlos Vales, coordinador dos socorristas vigueses, quen lembrou no acto como Guille fixo o curso de socorrista no ano 2008 e, desde entón, pertencía a un grupo estable que, cada ano recorría as praias viguesas para que todo estivera en orde. “Guille non chamaba a atención sobre os demais e, sen embargo, era desas persoas que tiña a capacidade, de xeito humilde e silencioso, de converterse sen decatarse nun ser excepcional”, lembrou Vales, visiblemente emocionado.

Emoción contida

Foron moitos os intres nos que sobraron as verbas. A emoción contida nalgún rostro e as bágoas noutros… pero tamén houbo oco para o sorriso porque así lle gustaría a Guille ser recordado. “Gracias por demostrar unha vez máis que queriades a Guille e que nos queredes a nós”, recalcou Guillermo de Oca pai, membro tamén da comunidade universitaria viguesa, ao igual que Mª José Montero, nai do alumno homenaxeado, tras recoller uns agasallos de mans da decana do centro, entre outros, a orla da súa promoción.