DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu unha homenaxe á escritora distinguida co Día das Letras Galegas

A lembranza de Xela Arias abre as portas da Casa das Campás á reactivación da cultura trala pandemia

A través dun relatorio, unha publicación e unha actuación musical

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/05/2021

A covid-19 pechou durante meses as portas de teatros, cinemas, auditorios ou museos, convertendo á cultura nun dos sectores fortemente danados pola pandemia. Con motivo do acto de homenaxe á escritora recoñecida neste 2021 no Día das Letras Galegas, a Vicerreitoría do campus abriu as tres portas da súa sede, a Casa das Campás, que na tarde deste mércores acolleu un evento dirixido a rememorar a traxectoria literaria e vital de Xela Arias. Fíxoo a través da conferencia da investigadora María Jesús Nogueira, a presentación do especial que a revista Tempos Novos dedicou á poeta e a actuación na que Clara Pino, compañeira de estudos de Arias no seu paso pola Universidade de Vigo, e Pablo Vidal puxeron música a algúns dos seus poemas.

“Hoxe, abrimos por primeira vez as tres portas da Casa das Campás, a construción civil máis antiga desta cidade, en homenaxe a Xela Arias”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na apertura dun acto ao que asistiron Amparo Castaño, Darío Gil e Lois Arias, nai, fillo e irmán da poeta, así como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Nun acto que debido á situación sanitaria contou cun aforo limitado, pero que puido seguirse a través de xeito virtual a través do Campus Remoto, Soto defendeu que “as institucións han de comprometerse de xeito decidido neste proceso de reconstrución da cultura tralos efectos da pandemia”, xa que esta, lembrou, “ademais de identificarnos, conforma o noso vizoso patrimonio inmaterial e supón un elemento promotor do tecido social”.

Coa pandemia, engadiu a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, “foron moitos os piares da nosa sociedade que se viron fortemente danados”, como é o caso da cultura, situando aos e ás súas profesionais ante un “futuro desalentador e máis que incerto”. Mais, a chegada do mes de maio “con Xela Arias no seu mascarón de proa”, engadiu Agrelo, contribuíu a que se contaxiase “a súa rebeldía e inconformismo para repornos ante o desacougo existente”. Neste marco, a Vicerreitoría buscou sumarse ás múltiples iniciativas que institucións como a Universidade, que o pasado xoves celebraba no campus de Ourense o seu acto do Día das Letras Galegas, centran nestas semanas na traxectoria vital e literaria da poeta. Con ese mesmo obxectivo, lembrou Agrelo, impulsou tamén nestas semanas o premio Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, “no que se convida a descubrir a creación literaria da autora para que sexa reinterpretada desde outros códigos artísticos”.

Unha poeta “rupturista”

Unha sorte de anarquía. Achegamento á vida de Xela Arias foi o título da conferencia na que a escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Jesús Nogueira trazou un percorrido pola traxectoria literaria e vital da poeta. Especialista na obra de Arias, Nogueira detívose en primeiro termo na súa infancia en Sarria e Lugo para logo abordar o que supuxo para a Arias a chegada ao Vigo da década de 1970, "unha cidade axitada" e a posterior eclosión da movida. Ademais de afondar nas súas facetas de editora, tradutora e mestra, Nogueira centrouse na traxectoria literaria dunha autora “que tiña a inquedanza de achegar a poesía a outras formas de expresión artística”, centrándose en obras como Denuncia do equilibrio (1986) ou Tigres coma cabalos (1990), que amosan “unha poética rupturista, moi distante da poesía daquel momento”, na que incorpora cuestións como o elemento urbano ou esa relación con outras linguaxes, como a ilustración a fotografía, que amosan, salientou, “a súa implicación coa modernización da cultura que herdou”.

A vitalidade da súa obra

O director de Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia e a tamén docente da Universidade Rexina Vega presentaron o especial que, neste mes de maio, esta revista dedica á escritora homenaxeada. Coordinado por Vega, esta publicación reúne unha conversa do xornalista e investigador Francisco Cortez- Lobâo Sineiro con Chus Nogueira e a poeta e xornalista Ana Romaní, así como artigos de Vega, Noia e da tamén profesora da UVigo Ana Luna. “Creo que con Xela Arias houbo no seu momento unha falta de interlocución e interesábame sobre todo dar voz ás novas xeracións, ver como as mulleres poetas de entre 20 e 40 anos asumiron e integraron o exemplo de Xela e a súa proposta poética, que ten que ver co diálogo entre as artes”, salientou a coordinadora desta publicación. Nese senso, Vega puxo de relevo a “enorme vitalidade coa que se está recibindo” na actualidade o legado literario da poeta homenaxeada, que rematou por converterse na “carta de marear para as poetas de agora”.