DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense uniuse este xoves á campaña de sensibilización neste eido

Unhas lentes rosas para visibilizar a loita contra o cancro de mama

A recadación da venta deste produto promocional destinarase á atención a pacientes e á investigación

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 17/10/2013

Cada ano diagnostícanse máis de 22.000 novos casos de cancro de mama en España, sendo a primeira causa de mortalidade por cancro nas mulleres. Sen embargo, explican desde a Asociación Española contra o Cancro, grazas ao esforzo de toda a sociedade a taxa de supervivencia segue aumentando. Para seguir avanzando nesta loita e co gallo da conmemoración do día contra esta enfermidade o 19 de outubro, a entidade está levando a cabo unha campaña de sensibilización e concienciación que, baixo o lema "súmate ao rosa", convida ás persoas a pórse unha lentes de sol desta cor para "non perder de vista o cancro de mama". Membros da comunidade universitaria do campus de Ourense uníronse este xoves á iniciativa tomando todos xuntos unha imaxe con estas lentes.

A delegación en Ourense da Asociación Española contra o Cancro foi a entidade que convidou ao alumnado, aos docentes e ao persoal de administración e servizos a sacar unha fotografía de grupo no campus portando estas lentes de sol. A imaxe será logo empregada para a promoción da campaña, de modo que poida servir de exemplo a outras persoas que queiran unirse á iniciativa mercado este produto promocional. Máis de medio centenar de membros da comunidade universitaria ourensá se quixeron unir a esta acción solidaria e brindar así todo o seu apoio ás persoas que nestes momentos padecen esta enfermidade e ás súas familias e achegados.

Moitas pequenas accións para conseguir grandes cousas

“Con esta pequena acción o que queremos é desde Ourense unirnos ao apoio ás persoas que padeceron nalgún momento esta enfermidade e ás que na actualidade están a loitar contra ela xunto ás súas familias e amigos. Agardamos que a campaña sexa un éxito e contribuír así entre todos e todas a avanzar no tratamento do cancro de mama e dos pacientes que o padecen”, destacou Agustín Pérez, da Asociación Española contra o Cancro de Ourense, que agradeceu ao campus de Ourense a súa implicación nesta acción promocional e noutras iniciativas que se teñen levado a cabo conxuntamente.

As persoas que queiran colaborar con este campaña poden facelo comprando as lentes de sol rosas que a representan. Cun custe de seis euros, o diñeiro recadado, apuntan desde a Asociación Española contra o Cancro, axudará a sumar esforzos na loita contra esta enfermidade, podendo atender necesidades dos pacientes e seguir avanzando no tratamento e supervivencia desta enfermidade, pois na actualidade a entidade conta con 7 proxectos de investigación de cancro de mama de máis de 2 millóns de euros.