DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación e Traballo Social celebra o “mes do libro” con diversas actividades

Leo, leo, que les?

Alumnado do centro tamén organiza unha xornada de troco

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 18/04/2022

O día 2 de abril foi o Día Internacional do Libro Infantil e o día 23 será o Día do Libro. Unindo estas dúas efemérides, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organiza unha programación dedicada a fomentar a lectura na comunidade universitaria e de xeito especial entre as e os futuros mestres. Igualmente, alumnado do centro celebra este martes, día 19, unha xornada de troco.

Fomentando a lectura

A programación de fomento da lectura leva por título Mes do libro. Leo, leo, que les? e está organizada co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense. Segundo explica Isabel Mociño, profesora e vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social, con esta iniciativa o centro quere conmemorar as dúas efemérides relacionadas coa lectura que hai no mes de abril “creando un espazo comunitario para compartir as nosas lecturas favoritas e crear así unha rede afectiva arredor dos libros que nos foron configurando, que nos foron marcando”. A programación, indica, quere “facer pensar ás persoas con cal, de todas as obras que leron ao longo da súa vida, se quedan, cal é a súa favorita e por que a recomendarían a outra persoa”. Con esta reflexión, “de algún modo”, engade Isabel Mociño, “o que estás facendo é visualizando tamén o motivo polo que te marcou a ti”.

A iniciativa está aberta á participación de toda a comunidade universitaria e á cidadanía en xeral. Inicialmente, explican desde a súa organización, estaba pensada para o alumnado dos graos de Infantil e Primaria, pois, indican, como futuros mestres e mestras “queremos que sexan lectores para que logo elas e eles traballen nas aulas coas futuras xeracións a lectura e contaxien o gusto por ler”. Porén, destacan, o centro tamén forma educadores e traballadores sociais, “que tamén son mediadores na sociedade” e polo tanto “van a exercer unha influencia”, neste caso no eido da lectura. Finalmente, a iniciativa abriuse a toda a Universidade de Vigo, contando de xeito especial coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, e ás persoas interesadas co obxectivo de “crear un tecido, unha rede moito máis ampla, onde todas e todos poidamos aprender e vernos influenciados por esas outras persoas coas que convivimos e que forman parte da nosa comunidade”.

O fin último da programación, apuntan as e os seus responsables, “é fomentar a lectura pero tamén nos interesa facer unha análise de que é o que recomendamos, cales son as lecturas que nos marcaron, saber se son lecturas en galego, se son lecturas de clásicos ou máis actuais, etc. “É dicir, queremos saber que estamos lendo na comunidade universitaria?, tendo en conta a universidade é unha institución que se supón que ten que ser un modelo social e desde aquí radiar influencia na sociedade”, afirma Isabel Mociño.

Mural colaborativo e agasallo

Con este obxectivo pídese ás persoas interesadas que respondan a tres preguntas: cal é a túa obra literaria favorita?, quen é a súa autora ou autor? E por que recomendas a súa lectura?. Coas elas configurarase unha especia de “atlas, de mapa, da lectura”. As respostas poden facerse chegar, entre o 18 ao 30 de abril, á organización de dous xeitos. De xeito presencial, na Facultade de Educación e Traballo Social, nun mural colaborativo situado ao carón da conserxaría do Edificio de Ferro, e/ou a través dun formato virtual. As persoas interesadas teñen que pedir na conserxaría do centro un post-it, escribir nel o titulo do seu libro preferido, o nome da súa autora ou autor e por que o recomendarían e pegalo na parede indicada. De seguido, poden escanear o código QR alí exposto e completar o formulario para subir a formato virtual a súa recomendación e que poida ser accesible por outras persoas de xeito non presencial. Igualmente, poden subir as súas recomendacións de xeito só virtual a través do código dispoñible no cartaz da actividade. De xeito complementario a esta actividade, os xoves 21 e 28 de abril, de 12.00 a 15.00 h, as persoas participantes poden achegarse ao mural para recibir un agasallo entregado pola profesora do centro Carla Míguez, unha das promotoras da iniciativa, que consistirá nun libro e nunha flor elaborada de xeito artesanal.

Xornada de troco

Tamén esta semana, concretamente o martes 19 de abril, a explanada fronte ao Edificio de Ferro acollerá de 17.00 a 21.00 h unha xornada de troco organizada por alumnado da materia Educación de Persoas Adultas do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social. A iniciativa, aberta ás persoas interesadas, ten por lema “se tes algo que trocar e pensas que podes facer algo polo planeta, participa”.