DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación de alumnado sénior promove este martes un concerto centrado na balada galega

As letras galegas e o maio do 68 centran dúas novas citas musicais no campus

A Sala X acolle o mércores unha actuación do violinista Florian Vlashi

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/05/2018

Da man da soprano e alumna do do Programa para Maiores da Universidade Loli Crespo, a pianista Alba Diaz e o musicólogo Javier Jurado, a Asociación de alumnos e ex-alumnos sénior do campus de Pontevedra Asaexs promove este martes un achegamento ao xénero da “balada galega ou zarzuela galega”. Farano nunha actuación que leva por título Letras Galegas 2018, programada para este martes ás 20.00 horas na Casa das Campás e que se verá sucedida, ao día seguinte, polo achegamento á música da vangarda que o violinista Florian Vlashi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia, proporá, tamén ás 20.00 horas, na Sala X da Facultade de Belas Artes. Signs, games and messages é o título dun recital que, a través da presentación da profesora Anne Heyvaert, proporá tamén unha reflexión sobre o maio do 68 francés e na súa influencia nas artes e na música.

A descoñecida “zarzuela galega”

Once pezas con música de Ángel Rodulfo, Reveriano Soutullo e José Fernández Vide e letras de Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Avelino Rodríguez Elías ou Pío Lino Cuíñas integran o programa de Letras Galegas 2018, un concerto centrado no xénero da balada galega, orixinada a partires da mélodie francesa no que respecta ao tratamento da voz e ao acompañamento do piano, que incluía “elementos técnico-musicais de certa orixe popular, sen descoidar referencias históricas tamén presentes na zarzuela e ópera galega”, segundo recolle o programa do concerto. De pór voz a este repertorio encargarase a soprano lírica Loli Crespo, que ao longo da súa traxectoria ten interpretado un amplo repertorio de zarzuelas á vez que actuado xunto a formacións como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Nacional Portuguesa ou a Orquestra de Cámara de Galicia; xunto coa pianista Alba Díaz Taboada, titulada polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, que ten actuado en escenarios de Italia, Malta ou China e foi recoñecida con premios como os do Concurso Internacional de Piano Ciudad de Huesca e o Concurso de Piano Premi Zanuy Ciutat de Berga. A súa actuación verase complementada coa participación neste acto do musicólogo Javier Jurado, titulado superior en Música polo Conservatorio de Vigo e doutor pola Universidade da Coruña cunha tese dedicada á zarzuela galega, o xénero que centra a súa liña de investigación.

O maio do 68 e a música de vangarda

24 horas despois, á música continuará na Sala X da Facultade de Belas Artes de mans do violinista albanés Florian Vlashi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia desde 1992 e impulsor do grupo Siglo XX, co que desde 1996 estreou 144 obras de autores contemporáneos. Signs, games and messages (Maio 68) é o título deste concerto promovido pola profesora Anne Heyvaert coa colaboración da Sala X, a facultade e a Vicerreitoría do campus, no que este violinista interpretará pezas de Cristobal Halffter, Carlos López García-Picos, Iannis Xenakis, Helmut Lachenmann e György Kurtag, e que servirá tamén para abordar, a través da presentación de Heyavert “a experiencia do que supuxo o maio do 68 na arte e na música”. Nese senso, esta docente lembra por unha banda a creación na Escola de Belas Artes de París do Atelier Populaire, “onde estudantes e artistas se reunían para discutir dun novo arte e imprimir en serigrafía os carteis das protestas”, como o que a propia reflexión desa nova arte supuxo na “revalorización da música de vangarda”, na que se  centra precisamente o repertorio que interpretará Vlashi, e no que figuran pezas de compositores que foron tamén “actores activos” daquel maio de 1968 como Xenakis, Lachenmann, Halffter ou Kurtag.