DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa busca impulsar as vocacións científicas entre os máis novos

Letras, números e imaxinación, na 5ª edición de Ciencia que Conta

O prazo para a recepción de propostas estará aberto ata o 16 de novembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 26/10/2012

Co fin de fomentar a cultura científica e facer consciente á sociedade da súa importancia tanto para o desenvolvemento económico coma para garantir o benestar social, o grupo DIVULGATIA, conformado por docentes do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, pon en marcha a 5º edición do Concurso de Relatos Ciencia que Conta. O certame, dirixido tanto ao alumnado de educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional coma ao público en xeral, trata de poñer en valor a importancia da innovación, o desenvolvemento e a investigación dun xeito lúdico.

Unha tablet para o mellor de cada categoría

Aqueles que acaden o primeiro premio da súa categoría faráselle entrega dunha tablet, mentres que para o segundo e terceiro posto resérvase un lote de libros, xogos e material escolar científico acorde coa idade dos gañadores. Ademais, todos os premios irán acompañados dun diploma acreditativo e, no caso da modalidade de Educación Primaria e Secundaria, haberá tamén dous accésit.

Os textos que se presenten poden estar inspirados na historia da ciencia, no traballo no laboratorio, na vida de científicos ou científicas máis aló dunha simple biografía lineal, nas experiencias de ficción simples ou naquelas froito de observacións da vida cotiá. Os interesados en participar deben enviar as súas propostas orixinais por correo electrónico (cienciaqueconta@uvigo.es) ata o 16 de novembro, adaptándose as bases do concurso.

Un concurso xa consolidado

Tras catro edicións e cunha participación que vai en aumento ano tras ano, o concurso consolídase coma “un referente no ámbito educativo para o impulso e o fomento das vocacións científicas entre os escolares máis novos”, indica Pío González, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade e impulsor do proxecto. Neste ano “pretendemos acadar os mil relatos presentados ao longo das cinco edicións así como acadar a cifra de dous mil libros distribuídos nas bibliotecas escolares cos mellores textos do concurso”, indica.

Ademais, dende a organización valoran de forma positiva o compromiso co coñecemento científico amosado dende as escolas e familias, así coma o apoio recibido polos profesionais no campo da divulgación científica, o xornalismo a literatura ou o ensino das ciencias que conforman o xurado, “sen os cales sería máis complicado levar a cabo estas iniciativas”, conclúe González.