DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores comezaron os obradoiros dos diferente niveis

Levántase o pano e aí están as catro aulas de teatro do campus

Os grupos Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Geppetto formaranse para actuar ante o público

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/10/2013
“Con moita ilusión, renovando cada ano as ganas de ensinar a persoas que desexan formarse como actores e de aprender deles, como vimos facendo desde que en 1991 botamos a andar”. Deste xeito resume Fernando Dacosta, responsable das aulas de teatro universitarias do campus de Ourense, a satisfacción que produce un curso máis pór en marcha os diferentes grupos teatrais que durante este ano se formarán nas artes escénicas para actuar ante o público. As aulas Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Geppetto abren de novo o pano para un outono máis traer a maxia do teatro á Universidade.

A presentación das aulas, que leva Sarabela Teatro, tivo lugar este mércores na capela do campus, lugar habitual de ensaios. Entre os asistentes mesturábanse as novas incorporación co regreso á actividade das persoas que xa participaron o curso pasado nestes grupos. Con moitas expectativas sobre o que será a súa formación, os inscritos coñeceron as liñas básicas do que será a actividade de cada grupo, que en todos os casos contará con formación actoral e escénica para logo rematar cunha representación ante o público no que amosar os avances feitos e afrontar o que significa actuar nunha obra de teatro.

Formación e actuación

“As persoas que empezan nas aulas comezan no nivel 1, que é Rosaura. Nela adquiren coñecementos básicos de temas como a voz, o espazo e o corpo e traballan moito a creación de grupo, que será fundamental ao longo de toda a traxectoria nas aulas. A guinda do pastel neste caso será a actuación na apertura da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro de Ourense”, explica Fernando Dacosta. As persoas que xa pasaron por esta aula e queren seguir formándose estarán este curso no nivel 2, en Cordelia, unha aula “máis intensa, na que xa se comeza a traballar a enerxía actoral, a significación e a precisión nos movementos”, comenta Dacosta. Ao remate da formación, o grupo representará unha serie de escenas dunha única ou de varias obras ante o público.

A aula de Maricasta, o terceiro nivel, será a que reúna aos actores afeccionados cunha maior formación. “Nela recóllese todo o aprendido nas aulas anteriores e o corpo xa ten que estar en disposición de traballar nunha montaxe completa. Durante meses ensaiarán unha peza que se levará a diferentes escenarios galegos e estatais, ademais da Miteu”, comenta o responsable das aulas teatrais do campus. Por último, o grupo Geppetto, de teatro dirixido aos nenos e nenas, continuará este ano afondando no seu tratamento de temas complexos para público infantil e xuvenil centrándose nesta ocasión no medo dos máis pequenos, a través da obra Os soños de Xulia. Os resultados deste traballo poderán verse como cada ano na Moti, na Mostra de Teatro Infantil de Ourense.