DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Adrián Trapero, da Universidade de Oriente de Cuba, impartiu un relatorio na Escola de Enxeñaría For

As libélulas, o mellor insecticida natural para o home

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 16/05/2013

Como librarnos de moscas e mosquitos agora que está a piques de chegar o verán? A libélulas, libeliñas ou cabalos do demo son é o mellor insecticida que o ser humano pode ter. Este insecto atópase por todo o mundo, naqueles hábitats onde predominan as zonas de auga estancada como poden ser pozas ou lagoas. Sen embargo, é a illa de Cuba o lugar onde se concentra o maior número de insectos identificados desta especie. “Ata o de agora temos 85 especies de libélulas no territorio, o que supón o 1,1% da fauna total da illa, aínda que só cinco delas son endémicas ao país”, asegurou o profesor cubano da Facultade de Ciencias Naturais da Universidade de Oriente, Adrián Trapero, na conferencia que impartiu este xoves na Escola de Enxeñaría Forestal.

Control de pragas

A nivel mundial, os expertos cifran en 5932 o número de especies identificadas deste insecto. Un terzo localízanse no trópico americano do arquipélago das Antillas e máis concretamente na illa de Cuba. As libélulas son predadoras e aliméntanse por regra xeral doutros insectos como poden ser as moscas ou os mosquitos incluso na súa fase inicial de desenvolvemento na que son larvas. “A súa importancia para o home é vital xa que son un instrumento moi útil para controlar determinadas pragas e serven tamén como indicador da calidade biolóxica das augas nas que habitan”, asegura Trapero.

Un clima e unha vexetación idóneas

Na illa de Cuba, concretamente nas súas montañas, é posible atopar cinco especies de libélulas únicas no mundo segundo os estudos realizados nos últimos anos por diversos expertos neste campo. Con todo, para atopar un insecto coma este nas súas múltiples variantes cómpre achegarse ás zonas húmidas da illa ou aos puntos máis altos como son o Pico de Cuba ou a Gran Pedra. O clima, a vexetación e, á fin, a súa situación xeográfica podería explicar a abundancia e variedade de especies de libeliñas que abundan nesta zona. “Segundo os estudosos, a península de Yucatán e o estado da Florida son os posibles puntos de entrada e saída desta especie”, comentou Trapero nun do relatorio organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Ecoevo que dirixe Adolfo Cordero.

Os novos estudos, cun enfoque diferente

Durante os séculos XIX e XX, a totalidade de estudos realizados neste campo “eran traballos puramente descritivos da especie”, salienta o profesor da Universidade de Oriente. Ao longo de todos eses anos creouse un amplo inventario das especies onde poder consultar aspectos tan básicos como son o seu tamaño, cor ou lugar de localización. Sen embargo, coa entrada do século XXI, os investigadores están máis interesados en saber de que se alimentan, como sobreviven na contorna, cales son os seus potenciais inimigos, cal é a súa conduta ou simplemente como se reproducen.