DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo volume da serie ‘En tránsito’ reúne entrevistas a seis artistas formados na facultade

Un libro afonda nas achegas dos egresados e egresadas de Belas Artes á performance en Galicia 

A publicación afonda nas súas traxectorias, intereses e procesos creativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/12/2023

Xunto a outra serie de factores, a Facultade de Belas Artes “contribuíu ao xurdimento, formación e consolidación” dunha serie de artistas que atoparon na performance o seu “xeito de facer arte”, axudando “a sentar as bases” para que esta “comezase a ser considerada como unha ferramenta expresiva máis dentro do contexto da arte en Galicia”. Deste xeito subliña o profesor Carlos Tejo a “importancia capital” que teñen as e os artistas formados neste centro á hora de abordar a traxectoria e o presente da arte de acción na comunidade, un dos propósitos do novo volume da serie En tránsito, un conxunto de publicacións nas que egresados e egresadas afondan na súa traxectoria e proxectos.

Publicado polo selo de autoedicións da facultade Error es bien, o libro Performance: unha arte intermitente reúne as entrevistas realizadas pola tamén egresada, comisaria e xestora cultural Sara Donoso, coa colaboración de Carmen García Infante, aos titulados e tituladas Gena Bahamonde, Félix Fernández, Ana Gesto, Amaya González Reyes, María Marticorena e Berio Molina. Dirixido a coñecer os seus “proxectos, procesos, traballos, inquedanzas e incertezas”, como apunta Donoso, cada volume articúlase en torno á temática e a proposta de entrevistas dun docente. Neste caso, Carlos Tejo avogou por un conxunto de artistas cuxa “heteroxeneidade” permite falar "da riqueza da creación da performance en Galicia agora mesmo”, como destaca. “Esta escolma de entrevistas é moi importante, porque deixa por escrito as reflexións dende o punto de vista da persoa que crea”, engade este docente, que lembra que existen “poucas experiencias similares” ao que propón este libro no contexto galego. 

Un “prisma poliédrico” da arte de acción

Co obxectivo de mostrar un “prisma poliédrico” desta arte, o libro permite achegarse á diversidade de estratexias e intereses que exemplifican os entrevistados. Así, as conexións da performance coa escena contemporánea abórdanse na entrevista con Gena Bahamonde, unha doutora en Belas Artes cunha ampla traxectoria como dramaturga e directora escénica, cuxo traballo “cuestiona os estereotipos de sexo, xénero e sexualidade que atravesan os corpos, tratando de reverter os valores hexemónicos para construír novas formas de pensamento dende o respecto a personalidade”, como destaca Donoso. A “experimentación continua e a exploración de novas linguaxes”, por outra banda, definen a traxectoria de Félix Fernández, “un artista que traballa desde o cruzamento entre disciplinas, onde se conectan o vídeo, a música, a danza e a performance”.

Os premios, bolsas e residencias, así como a participación en exposicións e festivais e performance nacionais e internacionais destaca tamén na traxectoria dos diferentes seleccionados, como é o caso de Ana Gesto, cuxo traballo “implica unha profunda revisión do corpo desde as súas raíces”, ou da artista visual Amaya González Reyes, cunha obra “interdisciplinaria” que levouna a “interrogar o propio sistema da arte”, como apunta Tejo. Por outra banda, o volume indaga tamén nas “constantes creativas” da artista visual, performer e conservadora-restauradora de bens culturais María Marticorena, á vez que se achega ao traballo do artista, cineasta e investigador predoutoral da facultade Berio Molina, cuxos traballos “indagan nas relacións entre a diverxencia, a linguaxe e a escoita”. 

Publicación anual

Iniciada en 2021 e precedida en 2017 polo volume Antes, durante, despois, a serie En Tránsito está a permitir “xerar un amplo arquivo de entrevistas” a artistas e profesionais formados e influenciados pola facultade, como apunta Donoso. Xunto ao decano, Xosé Manuel Buxán, esta egresada traballa na seguinte entrega da serie, cuxo “enfoque temático versa sobre a identidade, a sexualidade, o corpo..., desde perspectivas moi diversas”.